O Concello da Coruña investirá 2 millóns de euros nos centros educativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Presuposto Municipal de 2014 ratifica o compromiso do actual equipo de goberno cos programas e proxectos que melloran a calidade educativa -2 millóns de euros para escolas infantís e colexios- ao tempo que fomentan a actividade deportiva entre nenos e mozos
-outros 2 millóns para equipamentos e celebración de torneos-. O Executivo local incrementou nun 6%, ata os 12,5 millóns de euros, o presuposto do próximo ano para a área de Educación, Deportes e Xuventude, unha suba que favorece sobre todo os plans elaborados polo Concello para ampliar a oferta de prazas educativas -o próximo ano inauguraranse dúas novas escolas infantís municipais-, e para dispoñer de novas instalacións deportivas.

O clima de diálogo e colaboración con entidades educativas e deportivas da cidade será de novo un dos sinais de identidade do departamento que dirixe Francisco Mourelo, o que favorece unha mellor conciliación da vida familiar e laboral grazas ás actividades complementarias e extraescolares do programa educativo municipal Coruña Educa. Neste sentido, para 2014, o Concello da Coruña reserva ao redor dun millón de euros para convenios de colaboración.

EDUCACIÓN

O Concello ten entre as súas prioridades ofrecer ás familias un sistema educativo -ademais dunhas instalacións públicas- de calidade para que os nenos poidan formarse nos valores que representan unha sociedade inclusiva. O Goberno local reafirma este obxectivo, que xa quedou demostrado en 2013, cun presuposto para 2014 onde se alcanzan os 2 millóns de euros para as partidas dirixidas ás escolas infantís municipais (EIM) e proxectos de mellora e acondicionamento dos centros educativos, sen contar outros 440.000 euros que se recollen para reparacións doutros edificios que corresponden ao departamento municipal de Educación.

Dous dos grandes proxectos que se inclúen nos presupostos de 2014 na área de Educación son para as novas escolas infantís do Agra del Orzán

-programada xunto ao colexio Raquel Camacho dentro dos fondos europeos do programa Urbana C- e de Padre Rubinos. Entre ambos os dous proxectos, o investimento previsto supera os 330.000 euros, e que se suman aos 495.844 euros xa reservados no presuposto deste ano para o proxecto do Agra. Estas dúas novas escolas infantís, xunto á programada na Sardiñeira, permitirán incrementar nun 40% a oferta de prazas dispoñibles ao final deste mandato.

Ademais, o Goberno municipal executará obras de mellora e ampliación que supoñerán 31 intervencións en 21 dos 26 Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da cidade, así como outros traballos e obras menores que inclúen á rede de escolas infantís.

O departamento que dirixe Francisco Mourelo tamén continúa coa súa filosofía de ofrecer a súa máxima colaboración ás asociacións que forman parte da comunidade educativa da cidade, polo que dispoñerá de 446.000 euros para a firma de convenios, un 4% máis que este ano. Deste xeito, a área de Educación, ao igual que as concellarías de Cultura e Servizos Sociais, apoia todas aquelas medidas encamiñadas a favorecer a conciliación laboral e familiar dos pais ou dos titores dos nenos.

O concelleiro recordou que tamén se incrementa nun 67,35% o importe dedicado a outras iniciativas desenvolvidas polo Concello e que axudan ás familias no coidado diario dos seus fillos e melloran a formación académica:

DEPORTES E XUVENTUDE

O compromiso co fomento da práctica do deporte, como unha das claves para que os mozos se formen en valores de respecto, espírito de sacrificio, traballo en equipo e compañeirismo, aparece, por terceiro ano consecutivo, reflectido nos presupostos municipais. Así, entre melloras nas instalacións deportivas e a celebración de eventos de deporte basee, como os Xogos Escolares, e de deporte para todos a través da rede de carreiras populares polos barrios, o investimento municipal increméntase nun 18,8%, ata superar os 1,9 millóns, fronte aos 1,6 reservados inicialmente nas contas deste exercicio.

Por contía económica, os proxectos a nivel deportivo máis importantes que se executarán en 2014 son, con 446.369 euros, a transformación do campo de fútbol A Grela I nunha instalación de herba artificial -o que permitirá utilizar a instalación para o deporte base durante máis horas e cun gasto en tarefas de mantemento máis baixo- e a Primeira Fase do Plan de Rehabilitación do Estadio de Riazor, con 363.000 euros, cantidade que se une aos 250.000 euros presupostados este ano, un investimento que permitirá o saneamento da estrutura metálica do campo. A Concellaría de Deportes tamén proxecta unha segunda pista en Novo Mesoiro, que se sumará á que xa está proxectada no convenio coa Fundación Johan Cruyff e cuxa obra se acaba de adxudicar.

Dentro deste espírito de colaboración e de traballo coas entidades deportivas da cidade, o Concello tamén mantén o importe total dos convenios nominativos, con 514.000 euros para o próximo ano. A contía máis importante é para a Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña, que alcanza os 200.000 euros para o próximo exercicio. A estes 514.000 euros en convenios tamén hai que engadir 120.000 euros máis correspondentes ao capítulo de transferencias, polo que a contía final chega aos 634.000 euros.

O Concello coruñés repetirá en 2014 a organización de programas conxuntos onde Educación, Xuventude e Deportes van da man. Así o departamento de Francisco Mourelo contará con preto de 500.000 euros para programas, actividades e proxectos vinculados á promoción xuvenil, co Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX) como instalación de referencia na cidade.

14 de novembro de 2013 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.