O Concello da Coruña imparte cursos gratuítos sobre como xestionar e formar voluntarios ás asociacións da cidade
O departamento de Participación Ciudadana, que dirixe Luisa Cid, abriu o prazo de inscrición para participar en dous cursos sobre voluntariado a través de Asociactívate, o programa de formación gratuíta organizado polo Concello para apoiar as entidades de interese social da cidade ofrecéndolles a posibilidade de ampliar os seus coñecementos e de dispoñer de ferramentas útiles para desenvolver o seu labor. As persoas e entidades interesadas poden inscribirse ata o 22 de novembro.
Os cursos son gratuítos e nesta ocasión teñen un denominador común: o voluntariado, tema que se abordará a petición das propias entidades. O primeiro consiste nun taller básico de voluntariado para coñecer, entre outras cuestións, o marco normativo que regula o voluntariado e proxectos e ámbitos de acción para a acción voluntaria. O taller impartirase os días 25 e 26 de novembro, de 18.00 a 20.00 horas, na Ágora.
O segundo curso céntrase na comunicación e a relación entre persoas, tamén dende o punto de vista do voluntariado, para adquirir principios básicos das relacións de comunicación cun mesmo e coas demais persoas e presentar unha serie de habilidades útiles ás persoas voluntarias. Entre as materias, impartiranse coñecementos sobre comunicación, regulación dos conflitos e aspectos máis técnicos como a xestión da intervención e da interacción persoal. As clases desenvolveranse na Ágora o 2, 3 e 4 de decembro cun total de 8 horas repartidas en 2,5 horas as primeiras xornadas e tres a última en horario de tarde (entre as 18.00 e 20.30 horas).
MÁIS DE 30 CURSOS
En cada un dos talleres poderán participar un máximo de 25 persoas, respectándose unha rigorosa orde de inscrición. As solicitudes deberanse tramitar por correo electrónico (participacion@coruna.es) ou por fax (981 18 43 01).
A área de Emprego e Empresa, a través do departamento de Participación Ciudadana, desenvolve dende hai tres anos o programa Asociactívate, dirixido a todas as persoas que están integradas no tecido asociativo da cidade como socias, traballadoras ou colaboradoras destas entidades sen ánimo de lucro.
O programa ofrece cursos de formación gratuítos sobre diversos aspectos de interese para o mellor funcionamento e xestión das case 400 entidades sen ánimo de lucro que traballan na cidade. Ata o momento, impartíronse máis de 30 cursos e de distintas temáticas, entre elas, deseño, constitución e xestión de asociacións, administración e comunicación, informática básica, deseño de proxectos sociais, protección de datos, manexo de redes sociais e creación de páxinas web.











