O Concello da Coruña e o Consorcio das Mariñas acordan a creación dunha comisión de análise da mellora de Nostián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, mantivo unha reunión co presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, e co alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, para reafirmar o compromiso tanto do Concello coma do Consorcio co modelo de Nostián e para buscar as marxes de mellora da planta: “Queremos consolidar o modelo de Nostián e asegurar que a reciclaxe de residuos sólidos urbanos se faga de forma sostible, de cara ao futuro e pensando na mellora do medio”, asegurou o alcalde, quen destacou o clima de diálogo e entendemento da reunión. Ao encontro tamén asistiron, entre outros, os concelleiros Julio Flores e Enrique Salvador.

Tal e como explicou o rexedor, tanto o Concello coma o Consorcio decidiron crear unha comisión técnica, económica e xurídica que se encargará de analizar os datos presentados polas auditoras co fin de “facer un bo diagnóstico e tratamento”. Neste sentido, o alcalde destacou que é o primeiro de moitos encontros: “A primeira reunión desta comisión será a próxima semana, pero xa fixamos os obxectivos e o calendario co fin de que ao longo deste trimestre poidamos ter as primeiras conclusións da situación e formular melloras de futuro” “en Nostián”, avanzou.

“A xestión de Nostián non será unilateral por parte do Concello de A Coruña, senón de todos, porque sen todos non é viable xestionar con éxito o futuro de Nostián, por iso queremos concordar as liñas estratéxicas”, subliñou Negreira e recordou que o Consorcio xera o 40% dos residuos que se tratan na planta, polo que é natural que estea informado de todo o que acontece en Nostián: “Queremos que o Consorcio deixe de ser considerado un cliente e pase a ser un actor máis na xestión”, matizou e insistiu na importancia da xestión conxunta de servizos, como acontece no caso da auga.

“En definitiva, trátase de conseguir un modelo de éxito aproveitando as marxes de mellora da planta e asegurar o futuro deste sistema de reciclaxe na que cremos. Queremos dar un mellor servizo aos cidadáns e devolverlles a confianza neste modelo”, resumiu.

4 de novembro de 2013 | 15:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.