O Concello da Coruña adxudicará o novo párking do Materno Infantil e do Centro Oncolóxico antes de final de ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que a Empresa Municipal Vivenda, Servizo e Actividades (EMVSA) recibiu dúas ofertas para a execución da primeira fase do aparcadoiro público que dará servizo ao Hospital Materno Infantil e ao Centro Oncolóxico de Galicia e do que poderán beneficiarse máis de 1.500 usuarios diarios. Ademais, a Dirección Xeral de Aviación Civil deu o visto e prace a este novo proxecto e, por tanto, poderanse construír nunha segunda fase, si existe unha maior demanda de prazas, dúas plantas máis de aparcadoiro en superficie.

O alcalde destacou que o proxecto do aparcadoiro do Materno Infantil e o Centro Oncolóxico está a tramitarse dentro dos prazos previstos. Tras recibir dúas propostas durante o período de licitación da primeira fase do aparcadoiro, o obxectivo é adxudicar a obra antes de que finalice o ano para empezar a construción do aparcadoiro en 2014. Negreira sinalou que o futuro aparcadoiro soluciona un problema de falta de prazas de estacionamento que existe na zona desde máis de 20 anos e que, ademais, significa mellorar a mobilidade nos arredores e nos accesos a ambos os centros sanitarios.

O alcalde tamén anunciou que a Dirección Xeral de Aviación Civil deu o visto e prace ao proxecto que desenvolve EMVSA, o que significa que, no caso de que a demanda así o indique, poderase no futuro executar unha segunda fase con dúas plantas de aparcadoiro en superficie.

A primeira fase do proxecto, que empezará a executarse a principios do próximo ano, inclúe un aparcadoiro de 8.000 metros cadrados, cinco plantas e 259 prazas das que 26 serían adaptadas. O aparcadoiro será posible grazas á colaboración do Ministerio de Fomento que cedeu a totalidade do ramal da AC-12 (avenida da Pasaxe) que discorre entre o Hospital Materno Infantil e o Centro Oncolóxico, unha localización que permite dar servizo aos dous centros sanitarios. A previsión é que a obra se conclúa no primeiro trimestre de 2015.

O aparcadoiro público, cunha superficie final construída de 13.000 metros cadrados unha vez conclúase todo o proxecto, disporá de 430 prazas en réxime de rotación. O orzamento reservado é de 3,5 millóns de euros. Trátase dun equipamento demandado e que dará servizo a máis dun millón de persoas da Coruña e a súa área de influencia entre usuarios e profesionais destes dous centros sanitarios.

Con esta primeira fase darase servizo a máis de 1.500 usuarios diarios. O proxecto ten previsto a súa entrada pola parte superior, na planta quinta, desde a rotonda que dá acceso ao Centro Oncolóxico e saída para vehículos desde as plantas 1ª, 2ª e 5ª. Nesta primeira fase, EMVSA fará fronte á parte máis complexa e custosa do proxecto, deixando todo preparado para a segunda fase no caso de que a demanda fixese necesarias esas novas 200 prazas. Ademais do aparcadoiro, está prevista a instalación dunha nova estación de Bicicoruña na parte superior do aparcadoiro para dar cobertura a ambos os centros e facilitar a súa conexión co resto da cidade a través dun medio de transporte alternativo.

CONVENIO CON SEVILLA

O alcalde destacou que o convenio asinado onte con Sevilla permite pór en marcha unha alianza estratéxica entre ambas as cidades para “mellorar” a xestión da auga e liderar a xestión do ciclo integral da auga en España. Carlos Negreira sinalou que o acordo alcanzado por Emalcsa e a Empresa Metropolitana de Augas de Sevilla (Emasesa) significa apostar pola “investigación” e compartir experiencias para analizar os puntos fortes de cada modelo de xestión de face a mellorar o servizo.

O acordo tamén inclúe a posibilidade de que se sumen a este proxecto outras cidades españolas, ademais de implementar, xunto ao Banco Mundial, proxectos de asistencia técnica en moitos países que requiren solucións para favorecer a subministración de auga.

Este convenio pioneiro entre A Coruña e Sevilla súmase a outros proxectos impulsados polo Concello coruñés, como o Plan Director 2011-2016 -cun investimento de 40 millóns de euros para garantir a subministración en calidade e cantidade á cidade e toda a área metropolitana- e a conexión do lago de Meirama co encoro de Cecebre.

29 de novembro de 2013 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.