O Concello da Coruña adxudica os campamentos infantís de Nadal
O Concello da Coruña organiza os campamentos infantís municipais que se programan para Nadal e nos que se inclúen actividades co obxectivo de facilitar ás familias a conciliación da vida laboral e persoal. O investimento final do Goberno local, a través da Concellaría de Servizos Sociais, é de 16.800 euros, unha cantidade que se suma aos 185.500 euros dedicados aos campamentos de verán. En total, o departamento que dirixe Miguel Lorenzo destinou 202.300 euros para estas iniciativas.
O obxectivo destes campamentos municipais nos centros cívicos é facilitar unha alternativa de ocio aos nenos de entre 4 anos (escolarizados) e 12 anos da cidade da Coruña durante as vacacións de fin de ano. Por este motivo, a temática central estará vinculada coas datas do Nadal. As actividades que se leven a cabo nos campamentos estarán adaptadas ao grupo de idade ao que se dirixen e, a título orientativo, poderán ser:
. De 4 a 6, de 7 a 8, de 9 a 10 e de 11 a 12 anos (se se forman 4 grupos na quenda).
. De 4 a 6, de 7 a 9 e de 10 a 12 anos (se se forman 3 grupos na quenda).
. De 4 a 7 e de 8 a 12 anos (se se forman 2 grupos na quenda).
Todas as actividades se desenvolverán en 6 xornadas lectivas: os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2013 e do 2 ao 3 de xaneiro de 2014. O horario será de 10.00 a 13.00 horas. O número mínimo de grupos a ofertar será de 30. Os participantes distribuiranse por grupos de ata 15 integrantes, de idade o máis homoxénea posible. A adxudicataria contará cun mínimo de 30 bolsas e reservará 8 prazas para menores con minusvalidez.
A Concellaría de Servizos Sociais xa investiu 185.500 euros nos campamentos infantís municipais que se programaron este verán, iniciativas que contribuíron a que os nenos de entre 4 e 12 anos adquirisen coñecementos e valores como a amizade e o traballo en equipo, á vez que se divertiron durante as súas vacacións a través dos campamentos urbanos, os campamentos de día e os campamentos tradicionais.
RÚA ENTREPEÑAS
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, continúa co seu plan de renovación de espazos públicos co proxecto de remodelación de Entrepeñas, no tramo comprendido entre as rúas Villa de Negreira e Cuba. Os traballos adxudicáronse por un importe final de 182.347 euros, o que supón un aforro do 22% -de 51.497 euros- con respecto ao presuposto de licitación, que alcanzou os 233.844 euros.
Infraestruturas programa coa remodelación da rúa Entrepeñas un dobre obxectivo: fomentar a peatonalización para que os cidadáns teñan o máximo protagonismo e contribuír á aposta municipal pola recuperación do barrio do Agra del Orzán. Estas obras fináncianse a través dos fondos europeos do programa Urbana C.
Entre fondos europeos e investimentos con fondos municipais, o Concello roza os 4 millóns de euros para a mellora de espazos públicos no Agra del Orzán e arredores, como son os 2,2 millóns de euros no proxecto de revitalización da praza Das conchiñas -que inclúe a construción dun aparcadoiro subterráneo-, os 415.000 euros que se destinan a 90 obras de accesibilidade, os 250.000 euros para a reforma da rúa Cuba, ou o novo proxecto na rúa Entrepeñas.
Este tramo da rúa Entrepeñas encóntrase nun estado de deterioración importante, sobre todo debido ao escaso labor de mantemento realizado en etapas anteriores, á execución de gabias para a instalación de servizos básicos e ao incremento do tráfico rodado. Tamén adoece na actualidade das infraestruturas necesarias para que os peóns teñan a máxima prioridade. En concreto, as beirarrúas son moi estreitas, pois a maior parte do espazo se dedica a calzada (un carril de circulación de 4 metros de ancho) e para aparcadoiro en liña nas dúas marxes.
Agora, co novo proxecto, o peón gañará espazo fronte ao tráfico rodado, pois habilitaranse beirarrúas de 2,10 metros, reducirase o ancho do carril ata os 3,30 metros e colocarase mobiliario urbano e árbores para favorecer a humanización do ámbito. A remodelación da rúa Entrepeñas non só permite recuperar esta vía complementaria á rúa Barcelona para o barrio do Agra del Orzán, senón que ademais se executará de acordo a todos os requisitos necesarios para cumprir coas normativas relacionadas co medio -retirada dos entullos de obra a vertedoiros autorizados- e a supresión de barreiras arquitectónicas e a accesibilidade integral.
Para favorecer a mobilidade, utilizarase baldosa antideslizante na beirarrúa, ademais da colocación dunha franxa perpendicular de chan para facilitar o tránsito dos deficientes visuais, á altura dos pasos de peóns. O proxecto tamén mellorará e modernizará a rede de rede de sumidoiros con sumidoiros, que desaugarán un novo colector que conectará ao pozo existente próximo, en concreto, no cruzamento coa rúa Villa de Negreira. O prazo máximo de execución destas obras é de 4 meses.











