O Concello da Coruña adxudica as obras da pista de fútbol en Novo Mesoiro coa colaboración da Fundación Johan Cruyff
O Concello da Coruña adxudica as obras de construción da pista de fútbol de herba artificial que se habilitará no barrio de Novo Mesoiro, dentro do convenio de colaboración asinado pola Concellaría de Deportes coa Fundación Johan Cruyff.
O Concello adxudica a obra por 113.194,50 euros á empresa Xardinaría Pradairo, que ten un prazo de execución de 2 meses. O convenio inclúe un investimento de 30.000 euros da Fundación Johan Cruyff para a subministración e instalación do céspede artificial, mentres que o Goberno local financiará os 113.194,50 euros da adxudicación do contrato de construción da pista. Ademais, a Fundación Johan Cruyff colaborará co Concello na organización dun mínimo de tres actividades anuais.
A Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo cobre unha demanda dos veciños de Novo Mesoiro e enmárcase dentro do compromiso do actual equipo de goberno de fomentar o deporte e o ocio saudable. A Fundación Johan Cruyff conta con varios campos en Cataluña, polo que o recinto deportivo de Novo Mesoiro será o primeiro destas características que se constrúa noutro punto da xeografía española fóra de Cataluña. O novo equipamento situarase na rúa Os Ancares, ao lado do polideportivo deste barrio, que se caracteriza por contar cunha poboación nova.
A maiores, o Goberno municipal reservou no presuposto municipal do próximo ano outro investimento de 100.000 euros para realizar unha segunda pista polideportiva en Novo Mesoiro e que completará o proxecto acordado coa Fundación Johan Cruyff.











