O Concello amplía as actividades para normalizar o uso do galego ás escolas infantís

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Vigo ▼
A-
A+

En rolda de prensa, Abelairas afirmou que o Concello de Vigo presta “especial atención á formación dos máis novos”, polo que extende a cooperación do departamento municipal de Normalización cos colexios ás escolas infantís para introducir e normalizar o uso do galego nos máis pequenos.

O goberno local amplía por tanto ás escolas infantís municipais o traballo que realiza co alumnado nas distintas etapas formativas, unha idea que permite programar actividades pensadas para os nenos de entre cero e tres anos nos centros de Santa Cristina, Bouzas, Tomás Alonso e Sampaio.

Este mesmo martes, segundo adiantou Abelairas, ten lugar unha actividade coa escola de Sampaio, baixo o título de “Corre, corre, Cabaciña”, coa presenza da autora desde conto e canción e o profesorado exercendo como actores. O próximo xoves, no Auditorio municipal do Concello, celebrarase outra xornada sobre cinema, para 200 alumnos de Secundaria da cidade.

“Pretendemos que, dunha forma totalmente natural, o noso idioma sexa utilizado en todos os ámbitos”, argumentou Abelairas, polo que o Concello emprega outras ubicacións posibles, como bibliotecas, ludotecas, o Verbum e incluso cafeterías. Informou a concelleira que durante este trimestre serán 274 as actividades organizadas para a normalización do galego entre os estudantes desde cero anos ata o bacharelato, en colaboración cos equipos de normalización dos colexios e con reunións trimestrais para programar e avaliar o resultado das iniciativas.

12 de novembro de 2013 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.