O Centro Verde de Monforte entrará en servizo mañá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de Medio Ambiente informa que as instalacións do Centro Verde de Monforte, situadas no polígono industrial do Reboredo, comezarán a prestar servizo a partires de mañá mércores día 27 de novembro.

O Centro Verde está destinado á recepción de residuos industriais, procedentes de empresas e/ou autónomos, e o horario de apertura das instalacións será de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres.

A empresa adxudicataria deste servizo é RCD Galicia, empresa que solicitara o pasado mes de xullo a pertinente autorización á Xunta e que recibiu onte luns día 25 a conformidade do Goberno Galego para explotar esta instalación.

O Centro Verde é o lugar idóneo para depositar aqueles residuos que, sen alcanzar a categoría de perigosos, non encaixan na recollida convencional.

Trátase dunha instalación para a xestión de residuos industriais nos cales se realiza un tratamento conxunto. Neste tipo de centros recóllense os residuos producidos por empresas e xestiónase de forma conxunta a entrega ós xestores autorizados.

As funcións dun centro verde son as seguintes: admisión e rexistro dos residuos industriais non perigosos e dos residuos especiais non perigosos; clasificación dos residuos e almacenamento separado segundo a súa natureza; optimización dos custos de recollida dos residuos, o que redunda nun beneficio para o seu produtor;  transporte dos residuos industriais non perigosos almacenados na instalación ata os destinos finais: empresas de reciclaxe ou xestores autorizados.

O Centro Verde de Monforte ocupa unha superficie de 3.687 metros cadrados e está deseñado para que as empresas poidan depositar os residuos especiais como: tinta, tóneres, disolventes, illantes, aceite mineral e vexetal, pilas, pilas botón, aerosois baterías, lámpadas e fluoresecentes, así como residuos non perigosos, como: madeira, papel e cartón limpos, plásticos e embalaxes limpos, chatarra, vidros e parabrisas, caucho, coiro, electrodomésticos e voluminosos.

Cómpre sinalar que este Centro Verde conta con dúas ramplas de acceso ás plataformas, de xeito que se poida facer máis cómoda a deposición dos residuos por parte dos camións das empresas e, posteriormente, a retirada para o seu tratamento. Tamén dispón dunha báscula para pesar os residuos.

26 de novembro de 2013 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.