O Centro Torrente Ballester acolle a mostra “Os anos circulares: últimas tendencias da figuración en Galicia (1994-2013)”
O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, presentou esta mañá a exposición “Os anos circulares: últimas tendencias da figuración en Galicia (1994-2013)” que será inaugurada o vindeiro venres, día 29, ás 19:00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester (CTB). O edil ferrolán estivo acompañado polos comisarios da mostra Ángel Calvo, Mónica Maneiro e David Barro.
Esta exposición pon fin ao proxecto Afluentes que repasou durante todo este ano as derivacións da arte da figuración en Galicia dende os anos setenta. Os anos circulares explora a situación da arte galega a partir dos anos noventa, momento no que se producen varios feitos significativos que nos levan a falar dunha época de cambio no mundo da arte. Afluentes ten a intención de revisar a renovación de linguaxes na arte galega dende finais dos anos sesenta, a través de aqueles traballos que dalgún xeito exploran aquelo que aínda hoxe, cos límites quebrados, podemos seguir chamando figuración.
García Hurtado sinalou que a mostra estará integrada por arredor de 40 obras de 23 artistas e que “a nosa cidade é a única que acolleu as tres exposicións do proxecto Afluentes”. Así, xunto a pezas de referencia da arte galega dos últimos vinte anos se atoparán tamén obras novas de artistas consagrados e de novos valores da arte en Galicia. Os participantes son: Mónica Alonso, Misha Bies Golas, Vicente Blanco, Mar Caldas, Rosendo Cid, Antón Cabaleiro, Salvador Cidrás, Victoria Diehl, Suso Fandiño, Tamara Feijoo, Almudena Fernández, Félix Fernández, Fran Herbello, Jesús Madriñán, Tatiana Medal, Nano 4814, Álvaro Negro, Jorge Perianes, Carlos Rial, Diego Santomé, Damián Ucieda, Manuel Vázquez e Diego Vites.
Un proxecto adaptado ao CTB
Pola súa banda, a comisaria Mónica Maneiro explicou que o proxecto expositivo e editorial Afluentes “está pensado para o Centro Torrente Ballester”, e engadiu que por esta razón “comezou a primeira mostra do ciclo no centro cultural ferrolán e se clausura tamén nel”. Así mesmo e no que atinxe a esta última exposición, sinalou que non só inclúe pezas de coleccións senón tamén obras concibidas en exclusiva para o CTB “pezas únicas que só poderán verse nesta mostra, xa que o centro ofrece maiores posibilidades espaciais”.











