O Centro Cultural ourensán acolle unha xornada de internacionalización de empresas na procura de oportunidades de negocio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acollerá o vindeiro mércores, 27 de novembro, unha xornada de internacionalización de empresas que ten como obxectivo analizar diferentes rexións e países nos que poidan existir oportunidades de negocio para empresas ourensás en mercados en pleno crecemento e cunha forte demanda de produtos e servizos que as nosas empresas poden ofrecer.

A xornada, que será inaugurada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, está organizada por Lawyerpress Cortizo e o Inorde e reunirá a técnicos experimentados en guiar a emprendedores nos seus proxectos internacionais. Os relatores son representantes de despachos de avogados especializados na análise de países ou rexións onde poden acharse oportunidades de negocio e alianzas estratéxicas para empresas. Os países obxecto desta xornada son China, Turquía, Colombia, Brasil e Portugal.

A xornada estruturase en dúas partes, unha primeira na que cada despacho exporá as vantaxes de introducirse no país de referencia e como estes despachos poden colaborar no proceso de internacionalización. Na segunda parte da xuntanza, xa en horario de tarde, levarase a cabo un networking empresarial organizado en torno a cada despacho e o seu país de influencia, no cal os empresarios poden formular as dúbidas que teñan acerca dos mercados destes países.

Con esta xornada o Inorde contribúe a achegar aos empresarios da provincia unha serie de mercados moi atractivos para iniciar contactos empresariais, fomentando, deste xeito, a internacionalización das empresas de Ourense.

24 de novembro de 2013 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.