O centro cultural de Sigüeiro acolle unha exposición de 23 imaxes das fotógrafas Patricia Santos e María Marcos
O centro cultural de Sigüeiro acolle ata o próximo 30 de novembro unha exposición de 23 imaxes das fotógrafas Patricia Santos e María Marcos. Unha mostra incluída no programa Outono Fotográfico, no que o Concello de Oroso participa por quinto ano consecutivo. Como en edicións anteriores, o Concello de Oroso opta por presentar a obra dunha recoñecida fotoxornalista, como Patricia Santos, xunto ás propostas dunha fotógrafa local, como María Marcos.
Patricia Santos presenta unha serie de 8 imaxes titulada “Do gran á fariña”, nas que narra como se traballa nun antigo muíño de Touro. Unhas fotografías que narran a historia de José María Blanco, quen non só foi o creador deste muíño senón que aínda segue a moer nel o gran que lle levan os seus veciños. Nacida en O Pino, Patricia Santos traballa actualmente en Fílmate, un estudo fotográfico centrado na reportaxe social. Anteriormente ten traballado en xornais como El País, El Correo Gallego o Santiago Siete.
Pola súa banda, a veciña María Marcos presenta 15 fotografías baixo o título “Paisaxes no recordo”, unha selección das paraxes máis significativas da natureza en Galicia. A praia das Catedrais, a Torre de Hércules, a fervenza do Ézaro, o santuario de San Andrés de Teixido ou a Ponte do Milenio de Ourense son algunhas das paisaxes escollidas por María Marcos. Unhas imaxes de gran colorido nas que a auga xoga un papel fundamental.
O Concello de Oroso leva cinco anos consecutivos participando no Outono Fotográfico, o festival galego de fotografía que chega este ano á súa 31 edición. Polo Outono Fotográfico de Oroso teñen pasado fotógrafos como Xoán Soler e Sandra Alonso (de La Voz de Galicia), Antonio Matías, Carlos Pereira, Belén Rodríguez e José Lagares así como una mostra fotográfica conxunta do xornal El Correo Gallego.











