O CDL de Mos acolle o Proxecto Emprende de fomento de iniciativas emprendedoras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, informou hoxe de que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia vai realizar unha experiencia piloto entre mozos e mozas na área de Emprendemento, e Mos será un dos tres Concellos participantes para levar a cabo este estudo.

Consite na realización de obradoiros nas localidades de Mos, Ourense e Vigo cunha previsión mínima de participación de cincuenta pre-emprendedores/as por xornada. A idade das persoas participantes comprenderá entre os dezaoito e os trinta anos.

A actividade, que leva por título, Proxecto Emprende, consiste nunha iniciativa financiada polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal (POCTEP), e que ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas, de emprego e autoemprego para mozos e mozas, promovendo actividades que convertan o espazo de cooperación transfronteirizo nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais.

Colaboran neste proxecto a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, o Instituto Português da Juventude, a Confederación Empresarios de Galicia, a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles de Portugal e a Fundación Galicia Europa.

A finalidade deste foro é potenciar o emprendemento poñendo de manifesto as ferramentas e accións para desenvolver todo o potencial das iniciativas e dos proxectos emprendedores galegos e portugueses. Pretendese establecer lazos fortes entre emprendedores de ambos dous territorios e cubrir as necesidades, descubrir as oportunidades e intercambiar experiencias e coñecemento.

Realizarase o mércores 27 de novembro en horario de mañá, de 9:30 horas a 14:00 horas, no CDL de Mos cunha duración de 4 horas e media.

Este obradoiro vai dirixido sobre todo a profesorado de IES e ciclos formativos, alumnado, estudantes universitarios, asociacións empresariais, e mozos e mozas da zona. Aínda que, neste sentido, a edil Kely Monzón declarou que “dende a Oficina de Información Xuvenil, OMIX, xunto coa concellería de Formación e Emprego que dirixe Oscar Soto, determinamos, que ao non ter Mos ciclos formativos, e debido a taxa de paro existente, ampliar os beneficiarios deste obradoiro aos mozos/as que agora mesmo non están desenvolvendo actividade laboral, con idades comprendidas entre 18 e os 35 anos preferentemente, e que sexan de Mos”.

13 de novembro de 2013 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.