publicidade hoxe

O cambio das luminarias en Campo Lameiro realizadas co Fondo de compensación ambiental permitiron un aforro de 4.000 euros anuais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo LameiroPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Campo Lameiro, para, en compaña do alcalde da localidade, Julio Sayáns, comprobar a execución do proxecto de eficiencia enerxética deste municipio executado a través do Fondo de Compensación Ambiental.

Na visita, o delegado territorial, estivo tamén acompañado polo xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro, así como polo representante da empresa adxudicataria dos traballos, Setga.

Como xa ocorreu en 2012, segundo apuntou Cores Tourís, a Orde do Fondo de Compensación Ambiental segue a incentivar os proxectos de xestión compartida entre concellos para a realización de actuacións destinadas á conservación, reposición e restauración do medio ambiente e requilibrio territorial.

Deste xeito, Campo Lameiro concorreu a esta subvención nun proxecto conxunto cos concellos de Moraña e Cerdedo, obtendo unha axuda global de 70.000 euros para un proxecto que rolda os 100.000. En concreto, cada municipio recibiu, para este fin, algo máis de 33.000 euros o que permitiu o cambio de 57 luminarias no lugar de Praderei na parroquia de San Miguel de Campo.

O alcalde da localidade, Julio Sayáns explicou ao delegado territorial que con este investimento levouse a cabo a substitución de antigas luminarias por outras de tipo led que permiten un aforro enerxético na iluminación pública do municipio. “A iluminación pública supón un importante gasto para os concellos xa que ten unha función moi importante. Ademais do aforro no consumo, a substitución destes antigos sistemas de iluminación permitirá tamén reducir a contaminación lumínica”.

Varela destacou a concienciación do concello co medio ambiente. “O constante aumento da demanda da enerxía para satisfacer maiores cotas de benestar supón a busca de novos recursos enerxéticos e un uso máis eficiente. Non podemos esquecer que as antigas luminarias teñen unha vida útil de 10.000 horas, polo que a súa reposición tamén fai aumentar un maior gasto de materias primas para a súa fabricación, ademais de producir radiacións infravermellas e ultravioletas”. As novas luminarias leds teñen unha vida garantida de 50.000 horas de funcionamento, aínda que poden chegar ás 100.000 horas.

Esta é a razón, segundo apunto o rexedor, de que os tres concellos que concurriron conxuntamente a esta subvención apostaran polo cambio da tecnoloxía nas instalacións de alumado público.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou o compromiso destes tres concellos polo medio ambiente. “O cambio á tecnoloxía led non só permite un uso máis eficiente da enerxía senón que permite utilizar sistemas que non contén mercurio nin mentais pesados, producen menos emisións de CO2 e reduce de xeito importante a contaminación lumínica.

O cambio de luminarias en Campo Lameiro permitirá reducir a potencia instalada de 10,07 kw e reducir o consumo de 47.125 kwh ao ano. Eso supón un aforro de 9.311,44 euros o primeiro ano entre os tres concellos, aumentando así ano a ano, “xa que temos que ter en conta o aumento do custe da electricidade. No noso concello agardamos que o primeiro ano o aforro rolde os 4.000 euros”, explicou Sayáns. Co cambio de lámpadas lograrase tamén, unhas reducións totais de emisión de CO2 de 367,68 t.

O Fondo de Compensación Ambiental foi unha iniciativa posta en marcha en 2010 polo Goberno galego que permitiu por vez primeira aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico. Esta liña de axudas permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego. Desde que se puxeron en marchas as axudas, máis de 220 concellos de toda Galicia se teñen beneficiado delas; permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos das explotacións eólicas.

No caso dos concellos correspondentes á Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o investimento aportado a través desta liña de axudas roldou o 1,2 millón de euros, segundo apuntou Cores Tourís, beneficiando a un total de 31 concellos.

O delegado territorial recordou que “con estes fondos as corporacións locais sufragarán iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso das enerxías renovables ou á restauración e reposición do medio ambiente e requilibrio territorial”.

18 de novembro de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.