O calendario solidario dos bombeiros de Ourense poderá adquirirse desde o 6 de novembro
Cunha tirada de 4.000 exemplares, desde mañá mércores estará a disposición de tódolos ourensáns o calendario solidario do corpo de bombeiros de Ourense, elaborado polos propios bombeiros en colaboración con Cruz Vermella e o Concello de Ourense. Cun enfoque artístico, con escenas ambientadas nos anos 30, o principal obxectivo do proxecto é recolectar fondos que se destinarán, a través de Cruz Vermella, a familias con dificultades económicas e poucos recursos.
A iniciativa foi presentada por un dos bombeiros participantes, Eduardo Cabaleiro, o fotógrafo das imaxes, Pablo Senra, e Carmen González e Ángela Ramallo, de Cruz Vermella, xunto a unha pequena mostra dalgunha das fotografías que contén.
O calendario poderá adquirirse desde mañá nas dependencias de Cruz Vermella, no Parque de Bombeiros e por internet, a través de www.bomberosolidarios.es, por cinco euros cada unidade. Así mesmo, se levará a cabo unha exposición das imaxes no Centro BBVA de Vigo, en García Barbón.
O fotógrafo das imaxes describiu a súa elaboración como “a ruptura da imaxe tradicional dos bombeiros. Tratamos de introducir o concepto de galán, de personaxe clásico do mundo do cine, e misturado co mundo da moda”.
Na presentación, fixeron un chamamento á colaboración de todos os cidadáns, nun proxecto que “axudará a persoas e familias que pola crise están pasando por moitas dificultades”.











