O C.R.D.O. Ribeiro presenta o único viño monovarietal de Lado, o “Uxía da Ponte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseRibadavia
A-
A+

O colleiteiro José Estevez Fernández, natural de Arnoia, presentará esta tarde unha novidosa elaboración de viño da D.O. Ribeiro, o primeiro viño do mundo elaborado 100% coa variedade de uva Lado, caste endóxena da D.O. Ribeiro, especialmente de Arnoia, Uxía da Ponte. Ao acto acudirá o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Miguel Ángel Viso.

A presentación celebrarase no restaurante Tía Matilde (Estrada da Lonia, 24 – Ourense) a partires das 19.30 horas, da man do propietario da adega, José Estevez Fernández, acompañado do seu enólogo, Álvaro Bueno, que explicarán por qué se decidiron a innovar na elaboración deste viño, que sinalan como “moi diferente a tódalas marcas coñecidas do Ribeiro”.

Uxía da Ponte está elaborado unicamente coa variedade Lado, froito na súa maioría de cepas de 120 – 130 anos, mediante maceración en prensa con neve carbónica e fermentación controlada en aceiro inoxidable. En canto á súa primeira colleita, a de 2012, é de produción moi limitada, xa que só existen 600 botellas de 0,75 litros.

Notas de cata

Este viño descríbese cunha cor amarela pálida con reflexos alimonados. En nariz percíbese fresco, afroitado e floral, con cítricos, rosas, flores brancas, mandarina e pomelo. E por último, en boca amósase glicérico e cálido de lixeira textura graxa, con boa acidez que o equilibra. Conta cun posgusto longo e afroitado cun final lixeiramente amargo.

21 de novembro de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.