O BOP recolle cinco actuacións urbanísticas en Ferrol Vello, Canido, San Xoán e Serrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) recolle hoxe cinco actuacións urbanísticas que está a impulsar o Goberno Municipal de Ferrol, a través da Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación que dirixe Guillermo Evia Pérez; e as cales afectan a Ferrol Vello e á parte antiga de Canido, e aos barrios periféricos de San Xoán e Serantes. Estas intervencións son: as obras de reacondicionamento da rúa Alegre; a urbanización da rúa Miramar; a urbanización das rúas de nova apertura entre Insua e Maiola; a construción de beirarrúas na Avenida 19 de Febreiro; e a urbanización das rúas Basanta e Espiño. O desbloqueo e execución das devanditas obras responde a un compromiso asumido polo Goberno Municipal que preside Jose Manuel Rey Varela cos veciños dos diferentes barrios e serán executadas con cargos ao Programa Urban, á Deputación Provincial da Coruña ou a fondos propios do Concello de Ferrol.

No que atinxe ao barrio de Canido, o BOP recolle hoxe o anuncio de licitación para a contratación da execución das obras de reacondicionamento da rúa Alegre. O proxecto inclúe a remodelación da superficie e a renovación da rede do servizo de abastecemento de auga tanto na rúa Alegre como na praza de Canido, que non estaba contemplado no proxecto orixinal herdado no actual mandato e que supuxo un incremento orzamentario de 300.000 euros. Estas obras teñen un prazo de execución de doce meses e serán executadas a cargo do Plan Urban por un importe de 1.363.768,08 euros (IVE incluído). O prazo límite de presentación das ofertas estará aberto durante os vindeiros 26 días naturais contados dende o día seguinte ao da última publicación do anuncio de licitación no BOP.  Ademais, no entorno de Canido e Ferrol Vello, o BOP publica tamén a aprobación inicial do proxecto de expropiación para completar a urbanización da rúa Miramar, así como o proceso inicial de expropiación para a execución parcial da reurbanización das rúas de nova apertura entre as rúas Insua e Maiola.

Por outra banda e dentro do compromiso asumido por Jose Manuel Rey Varela cos veciños nas súas visitas ao abeiro do Plan de Barrios en Serantes e San Xoán, a publicación de hoxe do boletín provincial recolle a aprobación inicial do proxecto de expropiación da urbanización da Avenida 19 de Febreiro e das rúas Basanta e Espiño. No que atinxe a Serantes, as obras inclúen a construción de beirarrúas na Avenida 19 de Febreiro, unha demanda histórica dos veciños e veciñas da zona que por fin se consigue desbloquear neste mandato. A mellora da seguridade viaria nesta avenida será financiada pola Deputación da Coruña. E ao respecto da actuación urbanística de Basanta, o Goberno Municipal compromete un investimento de 500.000 euros con cargo ao presuposto xeral do Concello para o vindeiro exercicio económico de 2014. Esta obra en Basanta ten previsto un prazo de execución duns seis meses, unha vez que sexa contratada.

12 de novembro de 2013 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.