O Azkar recibe a un recentemente ascendido que está en postos de copa, Jumilla
Moitas veces cando se fala dun recentemente ascendido á máxima categoría, e ademais debutante, dise que o seu primeiro obxectivo debe ser o da permanencia. O Montesinos Jumilla conseguiu nas dez primeiras xornadas de liga 14 puntos, polo que os murcianos parecen dar un paso importante cara a ese obxectivo. O rival do Azkar Lugo para mañá sábado (18:00 horas – Palacio Municipal dos Deportes de Lugo) chega a Lugo en postos de Copa de España, é sétimo na táboa, e será polo tanto un difícil rival ante o que o Azkar Lugo espera regresar á senda da vitoria.
A escadra jumillana chega á capital lucense reforzada máis se cabe tralo seu último resultado cando na pasada xornada empataba (3-3) no derbi rexional ante ElPozo Murcia e conseguíao ademais de forma agónica co gol do empate a falta de sete décimas para a conclusión do partido. Os blanquiazuis están sendo unha das revelacións neste inicio ligueiro e tras dez xornadas a ninguén se lle escapa que os de Gea están sendo a sorpresa. O Azkar Lugo buscará pola súa banda cortar esa mala racha, de resultados que non de xogo, que lle levou a ser penúltimo na táboa con seis puntos. Unha vitoria daría moral ao grupo xusto antes de afrontar a xornada na que aos galegos tocaralles descansar.
Para este encontro os lucenses non presentan baixas mentres que o Jumilla chega a Lugo sen un dos seus porteiros, Chico, por lesión e Ángel tamén por molestias físicas.
Convocatorias:
Azkar Lugo: Óscar Iglesias, Cospe, Diego Núñez, Cuco, Jandri, Antonio Diz, Aranburu, Chano, Mendiola, Iago Rodríguez, Álex Diz e Zala.
Montesinos Jumilla: Loren, Boyis, Baca, Cristian, Ique, Pizarro, Rubén Zamora, Josiko, Chino, Pichí, Yeray e Rober.











