O Azkar cede ante o Ribera Navarra tras remontar na segunda parte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

O Azkar Lugo FS volveuse de vacio de terras navarras. Os lucenses caeron por 5 goles a 2 na cancha do Ríos Renovables Ribera Navarra nun partido no que os galegos non estiveron do todo finos na primeira parte pero si na segunda onde lograron remontar o gol dos riberos, aínda que acabou cedendo por 5-2. Perdendo pola mínima os pronistas arriscaron con porteiro-xogador e aí os locais acabaron por decidir ao seu favor o partido.

O inicio de partido foi de clara cor local. Aos lucenses custáballes moitísimo superar a presión local, non lograban atopar o camiño cara á portería de Molina, e aínda que o Ribeira dominaba as súas ocasións non eran demasiado claras e os seus disparos exteriores que ían a porta os atallaba Mendiola. Tralos seis primeiros minutos de acoso local, os lucenses sacudíanse da presión inicial e buscaban a meta de Molina. O partido igualábase por momentos, aínda que os navarros parecían estar un punto por encima dos galegos. Co 0-0 no luminoso, a punto estivo de facer o Azkar o primeiro da tarde superado o ecuador do primeiro acto, aínda que tamén os de Pato mereceran o gol. A tres minutos do descanso, Mendiola amosábase moi acertado a tiro de falta dos locais e cando todo parecía chegar en empate ao descanso, a 20 segundos do intermedio unha perda dos lucenses era aproveitada por Andresito para facer o 1-0. Sobre a bocina Chano peitearía un saque en longo de Mendiola que lograba atallar Molina.

Tralo paso por vestuarios, o Azkar Lugo recuperou a súa identidade de anteriores partidos. Tanto foi así que cun claro dominio, os hoxe de branco remontarían o choque: aos dous minutos un zurdazo de Iago Rodríguez significaba o empate e catro minutos despois Aranburu servía un balón ao segundo pau que remataba Cuco (1-2). Pero pouco lles durou a alegría aos lucenses xa que nin un minuto despois un disparo exterior de Roger coábaselle entre as pernas a Mendiola ao intentar bloquear o mesmo (2-2). Ese gol levantaba de novo ao público local, tocado trala remontada lucense, e entón o partido igualouse. Puido adiantarse de novo o Azkar Lugo nunha contra ao minuto 29 ou nunha falta indirecta ao bordo do área á media hora de partido, pero tras sumar a súa quinta falta o Azkar, un minuto despois o Ribera Navarra dáballe a volta ao marcador tras unha contra que finalizaba en gol Charlie (3-2). O partido non estaba decidido, nin moito menos, pese ao forte mazazo o Azkar Lugo seguía crendo nas súas posibilidades e así Cuco gozaba dun man a man con Molina que o meta local atallaba. Entrábase na recta final e os de Diego Ríos apostaban por Cuco como porteiro-xogador. Antonio Diz gozaba dunha clara ocasión pero o seu remate a tres do final íase fóra. O Azkar Lugo xogaba a posesións longas, buscaba o oco por onde facerlle dano ao seu rival, pero un erro de Jandri ao deixar moi curto un saque de corner, era aproveitado por Charlie para facer o 4-2. Era prácticamente a sentenza. Aínda así un erro arbitral a 45 segundos do final non permitiu ao Azkar loitar ata o final por puntuar e é que os colexiados non daban lei da ventaja nunha xogada que acababa en gol de Antonio e sinalaban unha falta previa. Fora o 4-3 e con case un minuto por xogarse. Dese gol anulado aos lucenses, pasouse á sentenza definitiva cando Molina desde a súa propia portería anotaba o 5-2 definitivo.

Ficha técnica:
Ríos Renovables Ribera Navarra 5: Molina, David, Lolo, Palmas e Joselito, -cinco inicial-, Roger, Charlie, Andresito, Álex, Rubi e Luisma.
Azkar Lugo 2: Mendiola, Aranburu, Jandri, Iago Rodríguez e Antonio Diz, -cinco inicial-, Cuco, Chano, Álex Diz, Diego Núñez, Zala e Cospe.
Árbitros: Bel Pascual e García Donas (comité catalán). Amonestaron con tarxeta amarela a David e Palmas (Ribera Navarra) e a Chano e Iago Rodríguez (Azkar).
Incidencias: 10ª xornada de liga en 1ª división. Pavillón Ciudad de Tudela. Uns 700 espectadores.
Goles: 1-0 min. 20 Andresito, 1-1 min. 22 Iago Rodríguez, 1-2 min. 26 Cuco, 2-2 min. 26 Roger, 3-2 min. 31 Charlie, 4-2 min. 39 Charlie e 5-2 min. 40 Molina.

9 de novembro de 2013 | 23:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.