O Aquarium da Coruña acolle a exposición fotográfica ‘A National Geographic Society: 125 anos explorando o mundo’
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, informa de que o Aquarium Finisterrae inaugura hoxe, xoves 14 de novembro, a exposición fotográfica A National Geographic Society: 125 anos explorando o mundo, na que se narra os momentos máis representativos da revista.
O 13 de xaneiro de 1888, un grupo de 33 socios reuniuse no Cosmos Club de Washington (EUA) para crear unha sociedade dedicada a promover e difundir o coñecemento xeográfico. Gardiner Greene Hubbard foi o seu primeiro presidente. Un ano despois, sucederíalle o seu xenro, Alexander Graham Bell. Hoxe en día, a National Geographic Society é unha das sociedades científicas e educativas máis importantes do mundo. A famosa National Geographic Magazine, que se publica dende outubro de 1888; a páxina web www.nationalgeographic.com, activa dende 1996; e o National Geographic Channel, cuxa primeira emisión tivo lugar o 1 de setembro de 1997, son os principais medios de comunicación desta sociedade.
Nun principio, a National Geographic Magazine só contiña texto e parecíase moito ás revistas científicas clásicas. Pero en 1890 comezou a publicar fotos e, pouco despois, transformouse nunha publicación de divulgación científica. A primeira imaxe que publicou a revista foi unha foto da illa Herald (Rusia) tomada dende un barco. Gilbert Hovey Grosvenor (1875-1966), considerado o pai do fotoxornalismo, foi o primeiro editor a tempo completo, e tamén o responsable de tela convertido nunha publicación icónica. A National Geographic foi pioneira en encartar mapas, publicar fotos nocturnas de animais tomadas con flash (1906) e en publicar fotos en cor da vida salvaxe (1914). Actualmente, a revista publícase en 32 idiomas. O primeiro número en español desta revista distribuíuse en 1997.
A National Geographic Society tamén é moi coñecida pola súa actividade de patrocinio de expedicións e investigacións de campo. Foi a patrocinadora, por exemplo, das expedicións de Hiram Bingham (arqueólogo), Jacques-Yves Cousteau (oceanógrafo), Louis e Mary Leakey (antropólogos), Jean Goodall e Dian Fossey (primatólogas), Robert D. Ballard (oceanógrafo), Paul Sereno (paleontólogo) ou James Cameron (cineasta e explorador mariño).
Todos estes aspectos aparecen reflectidos na exposición a National Geographic Society: 125 anos explorando o mundo, producida polos Museos Científicos Coruñeses en colaboración coa propia National Geographic Society. A mostra contén algunhas das melloras fotografías publicadas na revista ao longo da súa historia. Son 70 imaxes que foron seleccionadas tanto pola súa importancia histórica, sociolóxica ou científica, coma polo seu impacto xornalístico ou estético.











