O ámbito educativo de Ordes celebra unha mesa de traballo para analizar a violencia de xénero
Esta mañá representantes de doce centros educativos de Educación Primaria e Secundaria da comarca de Ordes participaron na Mesa do Ámbito Educativo. Unha xornada de traballo englobada dentro do proceso de elaboración do Sistema de Intervención Integral en Casos de Violencia de Xénero, posto en marcha polo CIM da Mancomunidade de Ordes e financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo. “Primeiramente pretendemos traballar con cada un dos sectores implicados neste programa de maneira individual, para posteriormente poder xuntalos a todos para unha posta en común”, explica a directora do CIM da Mancomunidade de Ordes, Nazaret González.
O encargado de darlle a benvida a todos os asistentes foi Manuel Regos, presidente da mancomunidade ordense, que estivo arroupado pola mesma directora do CIM, membros de diversos departamentos administrativos da Mancomunidade de Ordes, ademais de por Jesús Spínola Conde, técnico do Servizo de Protección de Menores da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
Tras unha breve presentación da actividade que habitualmente se desenvolve por parte do CIM de Ordes e os seus obxetivos, descrición dos usuarios máis habituais e unha enumeración dos recursos cos que conta, procedeuse a abordar o tema da violencia de xénero de xeito máis concreto, incidindo nas distintas problemáticas e aspectos negativos que conlevan para as sociedades e sectores nos que se da. A continuación falouse de cómo afecta aos menores e as funcións e ventaxas que aporta neste ámbito o RUMI (Rexistro Unificado de Maltrato Infantil). Unha aplicación informática para a notificación e rexistro do maltrato infantil dende o ámbito educativo. Seguindo na estela das aplicacións informáticas abordouse e presentouse a todos os presentes a páxina www.ordesenviolencia.org. Unha ferramenta coa que cada un dos axentes implicados no proxecto poderá traballar para plasmar información á que posteriormente poderán acceder outras persoas.
Non será a única cita deste tipo que se teña ao longo desta semana, xa que e o xoves será o turno para os profesionais do ámbito social. Isto é traballadores e traballadoras sociais, educadoras familiares e, en xeral, persoal do CIM. Unha cita de traballo conxunto no que se procederá á adaptación da guía da Xunta de Galicia na que se abordará a prevención e intervención de violencia doméstica en persoas maiores da comarca.
O proxecto de creación do Sistema Integral en Casos de Violencia de Xénero foi recoñecido recentemente nos premios Coopera, outorgados pola Xunta de Galicia, grazas ao cal se elaborará un mapa de recursos e unha proposta de itinerarios de coordinación interinstitucional que dé unha resposta efectiva a esta problemática social.











