O alcalde de Teo visitará as parroquias do municipio para manter encontros coa veciñanza
O grupo de goberno teense, encabezado polo alcalde Martiño Noriega, visitará todas as parroquias do Concello para manter encontros coa veciñanza. Estas xuntanzas “suporán unha oportunidade para a relación directa co cidadán ademais de ser un foro para comentar as queixas e suxestións en cada zona”. As reunións comezarán o próximo luns 18 de novembro na Casa Común Marisa Mirás ás 20:30 horas.
Este encontros realizaranse principalmente os luns e xoves ata o 23 de xaneiro, agás en Bamonde e Luou que se farán o domingo 24 de novembro. Na maioría dos casos haberá unha única xuntanza agás en Calo e Cacheiras onde se programaron máis dunha visita, dado que son parroquias con moita poboación.
O alcalde estará presente nas dezaseis visitas e irá acompañado de varios concelleiros e concelleiras, principalmente dos de cada zona. Nestes encontros “imos sobre todo a escoitar o que a xente nos ten que contar, criticar ou achegar” explica Martiño Noriega. O rexedor tamén encadra esta rolda de visitas como un xeito de recibir de primeira man as demandas daqueles servizos ou infraestruturas máis prioritarias para os veciños e veciñas.











