O alcalde de Ferrol insiste na “incomprensión, incompetencia e poucos resultados” no naval tras “2 anos deste Goberno”
O alcalde de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela, asegurou que a protesta realizada por uns 200 cargos do PP da bisbarra este xoves ante a Sepi en Madrid, que recordou que é unha “dependencia que depende do Goberno”, “non ten precedentes” e denunciou que “existe incomprensión, incompetencia e moi poucos resultados” “tras dous anos deste Goberno”.
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación en Ferrol, deu lectura a un bando, tamén recollido na páxina web do Concello, ‘titulado ‘Ferrol non se rende”.
No bando “esixe” aos “gobernos de Madrid e Bruxelas” un “cambio de prioridades con este sector”, que pasarían por conseguir “de xeito inmediato” carga de traballo e impulsar a área de reparacións “para ser máis competitivos”.
Tamén centrou as súas reclamacións na elaboración dun “plan industrial que aposte pola diversificación de actividades produtivas” e “polo levantamento de todas as restricións pactadas coa Unión Europea que seguen minguando as capacidades na ría de Ferrol”.
“Non imos consentir unha terceira reconversión industrial”, engadiu Rey Varela, que se mostrou confiado en “Ferrol e nos ferrolanos”, na súa capacidade de “na resistencia fronte ás adversidades” e no seu “talento, coñecemento e capacidade demostrada ao longo da historia”.
Así, o rexedor ferrolano pediu a participación cidadá nos actos de protesta que están convocados nos próximos días para “esixir todos xuntos traballo para o naval” e proclamou que “Ferrol non se rende”.
ACCIÓN POLÍTICA
Nesta mesma liña, a preguntas dos medios de comunicación, engadiu que é necesaria toda a acción política dos distintos cargos públicos do PP nos concellos, a Deputación, o Parlamento de Galicia e a Xunta para “que en Madrid se vexa doutro xeito o sector naval” da ría de Ferrol e avanzou que asistiría ás mobilizacións “como un ferrolano máis”.
O rexedor de Ferrol volveu solicitar que non se aprobe o plan estratéxico de Navantia no Consello de Administración que se celebrará a próxima semana, e engadiu que “a súa obriga é premer” para que “non se aprobe mentres non se garante carga de traballo”.
Ao respecto, referiuse á construción de catro gaseros para Repsol e Gas Natural, á que optaba Navantia, pero que todo apunta a que se poderían realizar en empresas de Xapón e Corea, polo que sinalou que “hai que premer” o Goberno pero tamén “a estas empresas”. “Se os custos e os prazos son os mesmos non é xustificable que empresas españolas contraten con estaleiros estranxeiros”, concluíu.
CARGA “IMPRESCINDIBLE”
En Santiago, tras reunirse co conselleiro de Medio en calidade de presidente da Fegamp, Rey Varela reiterou que a carga de traballo para Navantia en Ferrolterra é “imprescindible”, antes de advertir de que, de non se lograr, levaría consigo unha terceira reconversión industrial, que non vai consentir e ante o cal non vai “gardar silencio”.
Ao respecto, sinalou que na cidade “houbo outras dúas reconversións industriais” e “ogallá houbese ese comportamento tan claro, contundente e visible do que opinaban os cargos públicos”. “É a historia a que nos ensina que fomos maltratados noutras ocasións, co silencio cómplice en moitas ocasións de cargos públicos que representando os cidadáns non deron a cara suficientemente”, proclamou.
“O que espero e o que trasladamos é que –o estaleiro público– non pode aprobar ese plan estratéxico o 4 de decembro, porque faltan moi poucos días”, proclamou o rexedor ferrolano un día despois de desprazarse a Madrid xunto a cargos públicos do Partido Popular.











