Novos programas de formación e emprego “Ferrol Verde II” e “Ferrol Inserta 3”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Emprego, Martina Aneiros Barros, presentou esta mañá dous novos programas de formación e emprego denominados “Ferrol Verde II” e “Ferrol Inserta 3”. Unhas iniciativas que o Concello de Ferrol pon en marcha ao abeiro das achegas concedidas pola Xunta de Galicia que ascenden no seu conxunto a 347.400 euros, dos que a Administración ferrolá aporta 63.600 euros.

A Escola Taller “Ferrol Verde II” deu comezo o pasado mércores 30 de outubro e se prolongará ata o 29 de abril, tendo unha duración total de seis meses. Este programa mixto de emprego e formación conta cunha subvención da Xunta de Galicia de 253.000 euros, dos cales o Concello de Ferrol aportará 40.000 euros. A edil Martina Aneiros explicou que o obxectivo do programa é o de “mellorar as condicións de empregabilidade dos participantes que deberán ser maiores de 18 anos a través da realización de obras de interese xeral que permitirá a cualificación profesional e a adquisición de experiencia laboral”. Así mesmo, salientou que esta iniciativa, ademais da formación e preparación para a inserción laboral de persoas desempregadas, suporá unha mellora nas zonas verdes da cidade, xa que se realizará un proxecto de recuperación e posta en valor do terreo municipal de O Montón.

De maneira máis concreta, as tarefas que se acometerán serán obras de mantemento e conservación das edificacións e dos peches da parcela, a limpeza da vexetación, poda de arbustos e árbores, aplicación de produtos fitusanitarios e preparación e nivelación do terreo e posterior resembra. “Estas actuación permitirán a posta en valor desta zona da cidade para o uso e goce da cidadanía como un espazo de ocio e recreo” engadiu a edil. Un total de 24 persoas desempregadas participarán na formación que se desenvolverá no proxecto “Ferrol Verde II” e que contará con dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, na que participarán 12 alumnos; e de operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas, que contará con 12 persoas.

Terceira edición de “Inserta”

Por outra banda, o programa integrado “Ferrol Inserta 3” tamén subvencionado pola Xunta de Galicia por un montante de 94.400 euros, dos que o Concello aportará 23.600 euros, busca a colocación no mercado de traballo de persoas desempregadas a través da combinación de accións de orientación e información laboral, asesoramento para o autoemprego, formación ocupacional e práctica laboral. Este proxecto está dirixido a persoas desempregadas que figuren inscritas como demandantes de emprego do Servizo Público Galego e que pertenzan a algún dos seguintes colectivos: mulleres, mozos menores de 30 anos e persoas desempregadas de longa duración ou en risco de exclusión social. O número de prazas dispoñibles é de 80 e terá unha duración de 200 horas, sendo a data estimada para a finalización do mesmo o 6 de xuño de 2014. Martina Aneiros explicou que o obxectivo do programa “é conseguir o 45% de inserción laboral para os participantes, que realizarán dous meses de prácticas profesionais en empresas”.

Por último, a titular das políticas municipais de emprego lembrou que na pasada edición do programa, o “Inserta 2”, se deron prioridade ao comercio, téxtil, hostalería e supermercados e que participaron un total de 40 empresas destes sectores. Aneiros Barros sinalou que o nivel de inserción laboral da pasada edición “estivo próximo ao 40%”.

5 de novembro de 2013 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.