Nova edición do programa “24 horas sen alcohol” en Ferrol
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, presentou esta mañá o programa de actividades que se desenvolverá na cidade con motivo da xornada “24 horas sen alcohol”, que na Comunidade galega se conmemora mañá, venres 15 de novembro. A edil ferrolá estivo acompañada polo presidente e vicepresidente da Asociación de Ex-Alcohólicos de Ferrolterra, José Ruzo e Miguel Fraga, respectivamente.
Os actos comezarán esta mesma tarde, cunha conferencia sobre a enfermidade alcohólica que impartirá a psicóloga da entidade, Ana María Caaveiro García, e que terá lugar ás 17:30 horas no Salón de actos da Asociación de Ex-Alcohólicos -situada na rúa Álvaro Cunqueiro-. Así mesmo, o evento central das xornadas “24 horas sen alcohol” será, un ano máis, o festival de música que se celebrará pasadomañá, sábado 16, a partir das 18:00 horas no Centro Cultural Carvalho Calero. En dito recital, de entrada libre e gratuíto, actuarán a Agrupación Artística Ferrolana “Bohemios” e o Real Coro Toxos e Froles.
A edil de Benestar Social destacou o traballo que vén realizando a Asociación de Ex-Alcohólicos de Ferrolterra, non só coas persoas que padecen de alcoholismo senón tamén con aquelas que teñen outro tipo de adiccións como o tabaquismo ou a ludopatía. Rosa Martínez lembrou a estreita relación entre a Administración ferrolá e a entidade, que se materializa no convenio de colaboración asinado recentemente para a posta en marcha do proxecto de sensibilización e prevención sobre o alcoholismo. Ademais, explicou que se está a traballar na prevención coa mocidade de entre 16 e 29 anos a través dun curso formativo que leva por nome “Mediadores sociais”.











