Nova edición de Tapéate Ferrol para apoiar ao sector hostaleiro e animar a actividade da cidade
O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Turismo que dirixe María del Carmen García Fraga, organiza unha nova edición do certame “Tapéate Ferrol” que terá lugar do 28 de novembro ao 8 de decembro. Esta iniciativa promovida polo Goberno Municipal en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, conta tamén co apoio da Deputación Provincial da Coruña. O obxectivo de “Tapéate Ferrol” é contribuír á dinamización do sector hostaleiro e os barrios da cidade, ao tempo que se da a coñecer a riqueza gastronómica de Ferrol e as distintas propostas dos establecementos do municipio.
“Tapéate Ferrol Outono 2013” está aberto á participación de todos os establecementos hostaleiros do termo municipal ferrolán. Os interesados en participar no concurso de tapas deben presentar as súas solicitudes na sede da Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarca, situada na rúa Real. O único requisito que se pide aos establecementos que se inscriben é que presenten unha fotografía da tapa, xunto co nome da mesma. O prazo para anotarse neste certame remata o vindeiro luns, día 18 de novembro, ás 14:00 horas.
As tapas serviranse aos clientes a un prezo de 2 euros, consumición non engadida. As degustacións gañadoras serán escollidas polos propios consumidores, os que elixirán as dez mellores cos seus votos. Entre elas, un xurado de expertos gastronómicos concederá os tres primeiros, por valor de 400 euros -no caso do primeiro-; 300 euros -para o segundo-; e 200 euros -para a tapa que quede en terceiro lugar-. Así mesmo, os clientes concederán o Premio Especial do Público, consistente en 200 euros en metálico.
Sorteo de bonos turísticos para os clientes
Ademais, e para incentivar a participación, a iniciativa “Tapéate Ferrol Outono 2013” contempla a realización dun sorteo entre as persoas que depositen os seus votos. Estas poderán optar a dous bonos para actividades turísticas en Ferrolterra, cada un valorado en 100 euros.











