Nigrán oferta un seminario sobre ferramentas de mercadotecnia para a hostalaría
O salón de actos municipal albergará o próximo luns 25 de novembro entre as 17.30 e as 19.30 horas un seminario dirixido á hostalaría e a restauración da bisbarra sobre as novas ferramentas de mercadotecnia 2.0 para a hostalaría, como entendelas e como aplicalas aos seus negocios para obter o máximo rendemento.
“O perfil do consumidor cambiou, e para poder chegar a ese novo cliente, sobreinformado e hiperconectado, é necesario facelo dende o seu medio: internet e as redes sociais”, explica Víctor Romero, un dos relatores do seminario e responsable de Restauraaccion.
O obxectivo desta xornada é explicar os empresarios e responsables de restaurantes e establecementos de hostalaría do Val Miñor como é esta nova realidade, con casos e exemplos prácticos, para que o poidan aplicar aos seus respectivos negocios.
Nela, explicarase dunha forma moi práctica como utilizar as redes sociais nun establecemento de hostalaría, ao tempo que darlles visibilidade no seu local a través das súas propias televisións ou noutros medios tradicionais.
A charla será impartida por Victor Gómez, responsable de Restauraaccion (www.restauraaccion.com) e especialista en mercadotecnia para restaurantes, e Luis García, responsable de Wayhoy! (www.wayhoy.es), sistema de televisión personalizada para a hostalaría. Para máis información e inscricións escribir a wayhoy@restauraaccion.com ou contactar co teléfono 651 129 187.











