Nigrán conmemora o Día contra a Violencia de Xénero cunhas xornadas sobre maltrato e abuso na infancia e adolescencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a erradicación da Violencia de Xénero, a Concellaría de Patrimonio, Xuventude e Igualdade de Nigrán organizará as II Xornadas sobre Violencia de Xénero, nas que seis expertos abordarán a problemática dos abusos sexuais na infancia e adolescencia.

As xornadas terán lugar os días 14 e 15 de novembro en horario de tarde no Salón de Actos municipal. O prazo de inscrición para participar estará aberta a partir do próximo luns 4 de novembro. As persoas interesadas en participar deberán presentar no Rexistro Municipal unha folla de inscrición, que estará á súa disposición a partir do próximo luns no Rexistro Municipal ou na páxina Web do concello, xunto con toda a información das xornadas.

A falta de estudos e traballos sobre o abuso sexual na infancia e adolescencia levou ao Concello de Nigrán a abordar esta temática e darlle a maior visibilidade posible con motivo do 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero, “xa que o 85% dos agresores son varóns”, sinala o rexedor municipal, Alberto Valverde.

Segundo os datos manexados polo psicólogo forense e ex defensor do Menor da Comunidade de Madrid, Javier Urra, en España instrúense cada ano aproximadamente tres millóns e medio de dilixencias previas, delas as 11.000 (0,3%) corresponden a delitos contra a liberdade sexual, dos cales 3.500 son por delitos contra menores. Tendo en conta estas 3.500 dilixencias e os 7.313.424 menores de 18 anos do país, supón unha incidencia anual do 0,5%, calculándose que só se denuncian o 10% dos casos.

2 de novembro de 2013 | 20:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.