Negreira presenta un presuposto para 2014 que incide no emprego, no gasto social e na mellora dos barrios
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá o Presuposto Municipal de 2014, que se incrementará en máis de 6 millóns de euros con respecto a 2013, ata alcanzar os 244,3 millóns. “O presuposto para 2014 volve subir un 2,6% ata superar os 244 millóns, a pesar de que conxelamos os impostos municipais por terceiro ano, e desenvólvese mediante tres piares de actuación: colaborar no mantemento e xeración de emprego, continuar na tarefa de blindar o gasto social e seguir desenvolvendo proxectos que melloren os espazos públicos e a calidade de vida nos barrios da nosa cidade”, destacou o alcalde.
O alcalde explicou que tres de cada catro euros se destinan a incidir no emprego e na actividade económica a través do gasto social, os investimentos en obras e proxectos, a dinamización dos barrios, o mantemento e mellora dos espazos públicos, o investimento en educación, deporte de base, ocio e cultura, accesibilidade e rehabilitación ou a promoción da cidade a nivel nacional e internacional.
“Cada concellaría pensou en proxectos que colaboren coa actividade económica dos diversos sectores, para que a nosa cidade siga sendo o motor económico de Galicia e para combater a principal preocupación dos coruñeses. O próximo ano imos destinar 188 millóns de euros para colaborar no mantemento e na xeración de emprego”, subliñou o alcalde, quen engadiu: “Entre Estado, Xunta e Concello, en 2014 investiranse máis de 300 millóns de euros na cidade que van incidir no emprego mediante a execución de grandes infraestruturas, o mantemento e mellora dos barrios e a mellora dos servizos públicos”.
As accións de goberno céntranse en tres grandes áreas de actuación:
. Gasto social -70 millóns
. Investimento en barrios -105 millóns
. Dinamización e promoción -13 millóns
GASTO SOCIAL
O rexedor sinalou que a eliminación do gasto superfluo, a mellora da xestión e o menor custo de funcionamento do Goberno municipal permitiu incrementar o gasto social e que A Coruña sexa a cidade galega que máis recursos inviste en Servizos Sociais. “Case un de cada tres euros vai a destinar o próximo ano gasto social; máis de 70 millóns de euros para axudar ás persoas que máis o necesitan dende todas as concellarías. Quero agradecer o traballo de todo o equipo de goberno e de todos os traballadores municipais durante estes dous anos, que nos permitiu incrementar os presupostos conxelando os impostos municipais, o que supuxo aos coruñeses un aforro de case
10 millóns de euros”, indicou o alcalde.
Os terceiros presupostos da etapa de Carlos Negreira volven incrementar o investimento destinado ás persoas con menos recursos. “Imos dispoñer en 2014 do maior presuposto na historia desta cidade para Servizos Sociais”, sinalou o alcalde, quen continuou: “De novo puidemos subir un 1,7%, ata alcanzar os 15,5 millóns de euros, o investimento destinado ás persoas que se encontran nunha situación máis vulnerable e todo o equipo de goberno realizou un especial esforzo para que a Concellaría que dirixe Miguel Lorenzo puidese incrementar os seus recursos nun 20% dende os últimos presupostos elaborados en 2011 polo anterior bipartito”.
O alcalde avanzou que se realizará un grande esforzo para reforzar a rede de centros cívicos da cidade co investimento de 417.000 euros necesarias para poñer en marcha o novo centro cívico de Boandanza- tras o investimento en 2013 de 1,4 millóns para a execución da obra e o equipamento-, que dará servizo aos veciños do Agra del Orzán e O Ventorrillo, así como 300.000 euros para converter o edificio que albergaba o Goberno Militar no centro cívico Salvador de Madariaga, que será o motor cívico e cultural do Casco Histórico.
Por outro lado, a área de Emprego e Empresa incrementa o seu presuposto nun 8,1%, ata alcanzar os 8,6 millóns de euros. “Seguiremos traballando con máis de 20 entidades da cidade no Pacto Local para o Emprego e apoiando os emprendedores, ao comercio local, á hostalaría e ás persoas que buscan traballo. Imos destinar 867.000 euros para cursos de formación que permitan ás persoas desempregadas mellorar a súa preparación para acceder ao mercado laboral e un millón de euros para proxectos e plans de dinamización do comercio local”, destacou Negreira.
O departamento de Educación tamén reforzará en 2014 a rede municipal de escolas infantís co investimento de 275.808 euros para a nova escola infantil do Agra del Orzán, que completa o investimento de 495.000 euros en 2013 para a execución da obra dentro do programa Urbana C; e cos 55.000 euros para a nova escola infantil de Padre Rubinos. Estas dúas novas escolas infantís, xunto á programada na Sardiñeira,” vannos permitir incrementar nun 40% a oferta de prazas dispoñibles ao final deste mandato, sinalou.
O Goberno municipal confirma a súa aposta polo deporte base ao incluír 446.369 euros para mellorar o campo de fútbol da Grela I e 100.000 euros para realizar unha pista polideportiva en Novo Mesoiro: “Estes dous novos proxectos súmanse a outros catro equipamentos deportivos que se están a realizar: un campo de fútbol en Novo Mesoiro dentro do convenio asinado coa Fundación Johan Cruyff; o campo de herba artificial para hóckey e fútbol na cidade deportiva da Torre; e os dous campos que construirá a Federación Galega de Fútbol en San Pedro de Visma e que poñerá a disposición do Concello durante 11 meses ao ano”, explicou o alcalde.
INVESTIMENTOS
Negreira quixo resaltar que, ao compromiso investidor do Estado en 2014 -con case 100 millóns de euros para completar a Terceira Rolda, o Porto Exterior e Alvedro- e da Xunta -con 60 millóns de euros en investimentos para o hospital, o tramo autonómico da Terceira Rolda e o comezo da rehabilitación da Fábrica de Tabacos-, se suman os 105 millóns que destinará o Goberno municipal a investimentos en obras e servizos, mantemento de espazos públicos, mobilidade, accesibilidade e rehabilitación para continuar reforzando á cidade como o motor económico de Galicia. Entre as actuacións máis importantes, o alcalde destacou:
1. O incremento do 2% ata alcanzar os 37,8 millóns para actuacións que melloran os barrios e que se destinan a novos equipamentos (capítulo
6-investimentos e capítulo 7-transferencias de capital). “Estas actuacións compleméntanse con outras que xa se están a desenvolver, como o polideportivo e o Plan Conecta Castrillón (8 millóns de euros) e os aparcadoiros subterráneos Das conchiñas (2,2 millóns) e do Hospital Materno Infantil (3,5 millóns de euros) “, afirmou Carlos Negreira.
2. O Concello realizará un importante esforzo en materia de rehabilitación, que se incrementa nun 19% ata alcanzar os 4,9 millóns de euros. “De novo aumenta o Plan de Ascensores, ata o millón de euros (un 11% máis, é dicir, 100.000 euros máis) para seguir axudando a moitos veciños da nosa cidade a dispoñer dun ascensor no seu edificio, ademais das actuacións de rehabilitación previstas para Palavea e Os Mariñeiros, e tamén se abre unha liña de subvencións con 250.000 euros para pintura de fachadas e substitución de cartelería en inmobles do ámbito PEPRI”, explicou o alcalde.
3. Destinaranse 6,2 millóns para seguir desenvolvendo o Plan de Mellora da Iluminación Pública nas rúas e prazas da cidade.
4. Investiranse 22,5 millóns para a modernización dos espazos públicos, a mellora da accesibilidade e a execución de proxectos urbanísticos. Entre os proxectos máis destacados encóntranse:
Plan de mellora de prazas e vías públicas: 2,2 millóns (un 47% máis).
. Plan de accesibilidade en vías públicas: 1,38 millóns (un 131% máis, é dicir, máis do dobre que en 2013).
. Proxecto do Parrote: 4 millóns de euros.
. Parque Ofimático: 6,4 millóns. “Logramos desbloquear este proxecto e concedéronse as primeiras licenzas para que os cooperativistas poidan comezar a construír as súas vivendas”, recordou Negreira.
5. Tras a aprobación a finais deste ano do primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible, en 2014 comezaranse a desenvolver os proxectos que melloren a mobilidade da cidade, cun investimento de máis de 3 millóns de euros. “Fixemos un importante esforzo na área da Concellaría de Tráfico e Mobilidade para incrementar os seus recursos nun 10%, ata alcanzar os 15,4 millóns de euros,” indicou.
DINAMIZACIÓN E PROMOCIÓN DA CIDADE
O alcalde concluíu a presentación das liñas xerais dos presupostos municipais de 2014 explicando que outro grande eixe de acción serán os plans e actuacións dirixidas á dinamización e promoción da cidade. “Imos investir 13 millóns de euros para que a nosa cidade siga sendo un referente no noroeste español”, afirmou.
O Concello impulsará a programación e dinamización sociocultural nos barrios mediante un investimento de 5 millóns de euros a través o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). “Está demostrado que este investimento xera un retorno económico para a cidade e para os sectores da hostalaría, o comercio local, o turismo, a cultura e o ocio, e imos seguir por ese camiño porque temos que apoiar a un sector terciario que move moitos postos de traballo na nosa cidade”, afirmou o alcalde.
Carlos Negreira tamén destacou o investimento de 3,16 millóns de euros para o Consorcio para a Promoción da Música, que permitirá reforzar o compromiso municipal coa Orquestra Sinfónica de Galicia (un 4% máis que en 2013, é dicir, 112.000 euros máis) e o incremento do 30% na achega ao Consorcio de Turismo, ata alcanzar os 4,5 millóns de euros para afianzar a promoción da cidade a nivel nacional e internacional.
“En resumo, son uns presupostos que fixemos coa cabeza e con corazón para lograr a sociedade, a cidade e o futuro que queremos. Os presupostos consolidan A Coruña como unha cidade de servizos sociais e como referente do noroeste español, e que a vía do diálogo institucional permite ser a cidade galega con maior volume de investimento, o que significa xerar emprego e benestar para os cidadáns,” finalizou o alcalde.











