Negreira presenta en Barcelona a primeira plataforma integral de goberno dunha Smart City en España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asistiu esta tarde á sesión Nuevos marcos de goberno para Cidades Intelixentes que se celebrou dentro do Smart City World Congress que, dende onte e ata mañá, se realiza en Barcelona.

Nesta sesión, o alcalde presentou o proxecto Coruña Smart City e incidiu na principal singularidade da iniciativa coruñesa: a aposta por unha plataforma integral de goberno dunha Smart City, que permite unha xestión transversal e unha solución a longo prazo, ao contrario do que se fixo noutras cidades nas que se puxeron en marcha solucións que resolven só cuestións específicas: “A xestión pública dunha administración, como o Concello, pode e debe ser diferente no século XXI,” asegurou e engadiu: “Os problemas de mobilidade están relacionados coa calidade ambiental, a natureza comercial da cidade está condicionada por unha xestión eficiente da mobilidade e así sucesivamente. Por iso apostamos por unha xestión transversal, por un novo paradigma de xestión que nos achega unha visión global de todo o que acontece no Concello e, sobre todo, sostible no tempo,” asegurou Carlos Negreira.

Tal e como explicou o rexedor, a plataforma permite solicitar todos os datos da cidade, os converte en información válida para a toma de decisións e os comparte, co que se consegue unha mellor xestión da administración e se potencia o tecido empresarial da cidade co desenvolvemento de servizos e aplicacións que tomen como basee esta información grazas á filosofía de datos abertos (Open Data) do proxecto: “Coruña Smart City é un reto que vai máis alá do tecnolóxico: integra os cidadáns que sempre digo que son os mellores asesores dun alcalde; organiza o goberno da cidade; e impulsa o tecido empresarial con novos modelos de negocio e da man coa Universidade”, resumiu. Carlos Negreira informou de que, de forma paralela a esta plataforma, antes do 31 de xaneiro de 2014 se licitarán un total de 15 proxectos concretos ligados a sectores tan diversos como os servizos sociais, o ocio e o turismo ou a mobilidade, entre outros.

Precisamente é esta singularidade do proxecto coruñés a que lle serviu para ser a aposta da Unión Europea, o proxecto no que depositou a súa confianza grazas a un investimento de 11,5 millóns de euros que conta cun financiamento de máis do 70% de fondos europeos. Ademais, esta peculiaridade fixo que a cidade sexa unha das finalistas, de entre 200 candidatos, nos World Smart Cities Awards, que se entregan no marco deste congreso. A cidade participa na categoría de proxecto xunto con outras cinco propostas da Mitsubishi Corporation en Tokyo ou proxectos de Alemaña, Dinamarca e China.

A iniciativa de Coruña Smart City foi recoñecida, ademais, polos Colexios Profesionais de Telecomunicacións de Galicia, de Enxeñaría en Informática de Galicia, da Fundación Lintel; ou polo Goberno do Estado coa declaración de Cidade da Ciencia e a Innovación 2012. Fainos ilusións poder compartir o noso proxecto con todas as demais cidades, fomentando unha sociedade aberta e unha cidade que se relaciona co resto do mundo, finalizou.

SMART CITY WORLD CONGRESS

Smart City World Congress é o evento máis importante que reúne nun mesmo lugar a representantes municipais, institucións, líderes académicos e de pensamento, centros de investigación, empresas e emprendedores para abordar as mellores e máis novidosas ideas e solucións para as cidades intelixentes. Nesta edición participan máis de 300 cidades de 5 continentes, 320 relatores e 162 empresas.

20 de novembro de 2013 | 23:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.