Neda aproba unha suba de entre 0,40 e 1,35 euros ao mes na taxa do lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNeda
A-
A+

O incremento do 33% na factura polo tratamento de residuos que Sogama cobra aos concellos obligou esta mañá ao de Neda, seguindo os pasos doutras localidades, a aprobar en pleno unha modificación da ordenanza reguladora da taxa do servizo de recollida do lixo. Na mesma, recóllese unha suba de 0,40 euros ao mes no recibo para os veciños que conten cunha recollida á semana; de 0,80 euros ao mes para aqueles que dispoñan de dúas, e de 1,35 euros para os que accedan a tres recollidas semanas. Así mesmo, a modificación tamén contempla a posibilidade de fraccionar o custe para evitar abonar a taxa nun único pago anual.

Na actualidade, o Concello soporta un déficit de 46.000 euros ao ano neste concepto. É dicir, a diferencia entre o que ingresa e paga polo tratamento do lixo é de 46.000 euros que saen das arcas locais. Coa subida aprobada por Sogama esas perdas elevaríanse ata os 116.000 euros. Unha cifra de todo inasumible para o Concello de Neda e que obliga agora a aprobar este incremento, que se prevé entre en vigor o vindeiro ano.

Doutra banda, pero no mesmo pleno, o Concello aprobou outra modificación da ordenanza reguladora da taxa pola subministración de auga potable a domicilio. Neste caso, para dar luz verde a unha bonificación no recibo da auga para familias numerosas. Así, e a pesares de que o seu consumo exceda os 50 metros cúbicos que dá paso a un novo tramo de pago, o terceiro, seguirán abonando a cuota do segundo. En todo caso, o Concello quere continuar aprobando medidas que beneficien aos veciños e que poderían chegar grazas á canalización dos manantiais ubicados na Rabadeña.

Por último, e en virtude dunha sentencia xudicial, o Concello viuse obrigado a modificar tamén a ordenanza reguladora da taxa polo aproveitamento especial do dominio público local a favor de empresas explotadoras de servizos de subministración de interese xeral. Na práctica, e xa que a lei anula o cobro a empresas pola explotación da vía pública, as arcas locais deixarán de ingresar en torno a uns 6.000 euros cada ano en este concepto.

7 de novembro de 2013 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.