‘Nadal 2013’ ofrecerá accións educativas para conciliar, formar e entreter escolares e familias
O responsable da área de Educación, Francisco Mourelo, presentou esta mañá o programa Nadal 2013 que a Concellaría pon en marcha no mes de decembro para escolares e familias da cidade. Trátase de catro accións creadas especialmente para estas datas que teñen o dobre obxectivo de formar e inculcar valores, á vez que entreteñen aos máis novos e colaboran coa conciliación da vida familiar e laboral”, explicou o concelleiro, quen detallou as iniciativas que se levarán a cabo o próximo mes:
1. Concurso de postais de Nadal
Esta acción está dirixida aos escolares de Infantil e Primaria dos centros educativos da cidade. “Trátase dun concurso que vai pola súa terceira edición tras a extraordinaria participación nas edicións anteriores”, destacou Mourelo.
O prazo de presentación permanecerá aberto ata o venres 29 de novembro, facéndose público o fallo o próximo día 5 de decembro
As dúas postais gañadoras serán premiadas con dous videoconsolas. “Ademais, destacou Mourelo, unha delas converterase na tarxeta oficial de felicitación do Concello e, a outra, no cartel oficial das festas de Nadal,”.
2. II edición do Concurso escolar de árbores e beléns, Un Nadal Ecolóxico
Acción dirixida aos centros educativos de Infantil e Primaria da cidade consistente na creación dunha árbore ou belén con materiais reciclados. O xurado valorará non só a calidade estética do traballo, senón a dificultade no tratamento do material empregado e o grao de participación da comunidade educativa. “O obxectivo fundamental é o de desenvolver a imaxinación e a creatividade en nenas e nenos de entre 3 e 12 anos; promover o traballo en equipo e a interacción co resto da comunidade educativa; e sensibilizar aos máis pequenos no coidado do Medio, aprendendo a reciclar materiais sen utilidade aparente,” destacou Francisco Mourelo.
3. Concurso de Monólogos Cómicos en galego
Iniciativa dirixida ao alumnado de secundaria (ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos) dos centros educativos da cidade e que se enmarca dentro das accións de innovación e dinamización lingüística que a Concellaría de Educación organiza dende o curso pasado en todos os centros para alumnos de todas as idades. “O obxectivo desta acción educativa -explicou o concelleiro-, é a potenciación da expresión oral en galego así como o impulso da creatividade e a naturalidade no uso da lingua”.
En total, establécense tres categorías (1º e 2º de ESO; 3º e 4º de ESO; e Bacharelato e Ciclos Formativos) que contarán cunha temática específica: Xa estou non instituto, Os avós xa teñen móbil e Os profesores, eses estraños seres. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo 5 de decembro e a gala, pública e gratuíta, celebrarase o día 18 de decembro no Teatro Rosalía Castro, a partir das 18.00 horas.
O xurado terá en conta aspectos como a orixinalidade do monólogo, a calidade lingüística, a interpretación e dramatización no momento da representación.
4. III Xornada de portas abertas do conservatorio de Danza
A gala celebrarase o próximo 19 de decembro no teatro Colón, en horario de mañá (12.00 horas) para público escolar e tarde (a partir das 20.00 horas) para público xeral.
“En tan só tres edicións, esta iniciativa converteuse nun verdadeiro clásico destas datas no calendario escolar dos centros da cidade”, explicou Mourelo que detallou algúns detalles da gala deste ano que baixo o título Terroríficus fará un percorrido, a través do baile, polos personaxes dos contos, historias e películas de misterio e terror como a noiva cadáver, o boneco diabólico ou o doutor Frankestein.
A entrada é gratuíta por rigorosa orde de inscrición, no caso dos centros, e de chegada, no caso do público en xeral. Ademais, instalarase unha mesa para as achegas voluntarias que os participantes ou público queiran facer á Cociña Económica.
“En definitiva, estas catro accións educativas que integran a oferta do programa educativo municipal Nadal 2013 seguen a mesma liña de intervención que os restantes programas educativos do Coruña Educa: potenciar a creatividade persoal, impulsar as artes escénicas entre os máis pequenos da cidade, e concienciar no ciudado da saúde propia e da cidade na que se vive”, concluíu o concelleiro de Educación.











