Música, teatro e feira, durante a fin de semana en Brión
Música, teatro e feira todo o día serán as claves de mañá sábado 23 de novembro, Día de Santa Cecía, en Brión. Así a Feira de Brión incrementará o seu horario tradicional de mañá e estenderase ata as 20:00 horas; mentres que o centro social polivalente acollerá as actuacións da Banda Municipal de Música (17:30 horas) e do grupo de teatro do IES Brión (20:30 horas). Os tres actos son de asistencia libre e de balde.
A Feira de Brión abrirá as súas portas ás 11:00 horas na explanada e na planta baixa do centro comercial Monte Balado e cun horario ampliado: se o tradicional é de 11:00 a 14:00 horas, o horario do sábado 23 de novembro será de 11:00 a 20:00 horas. Todos os que se acheguen durante estas nove horas poderán acceder a unha gran variedade de postos artesanía, alimentación, agricultura ecolóxica… Ademais, sortearase un vale por valor de 20 euros entre todos os que realicen algunha compra.
A novidade desta edición será un obradoiro de Decoración de cup-cakes de Nadal, unha demostración gratuíta que correrá a cargo de “Mis dulces PK2, repostería creativa”. Unha iniciativa de participación libre e de balde que dará comezo ás 12:00 horas.
Música e teatro
Xa pola tarde, o centro social polivalente de Pedrouzos acollerá dúas actuacións culturais, ambas de participación libre e de balde. Ás 17:30 horas, a Banda Municipal de Música de Brión ofrecerá o seu tradicional concerto na honra de Santa Cecía, patroa dos músicos. Unha iniciativa organizada polo Concello de Brión en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña.
Finalmente, ás 20:30 horas terá lugar a actuación do grupo de teatro do IES de Brión que, dirixidos por Lucho Penabade e Tero Rodríguez, representarán “Roberto Vidal Bolaño: sempre aquí”. Trátase dunha peza que os trece rapaces e rapazas de Brión que integran este grupo de teatro xa representaron con gran éxito o pasado mes de xuño e na que destacan a relación entre Brión e o dramaturgo ao que este ano está dedicado o Día das Letras Galegas.
Esta actuación porá o punto e final ás I Xornadas de Roberto Vidal Bolaño, celebradas os sábados de novembro e organizadas pola ANPA Pedra Viada do IES Brión e polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña











