Muller leva o Día 25 de novembro ás aulas a través da música de Police
A Concellaría de Muller presentou esta mañá os actos que organizará con motivo do Día internacional de loita contra a violencia de xénero, 25 de novembro, xunto á compañía de teatro Cheveré e no IES A Xunqueira I.
Carmen Fouces explicou que dende o Centro de Información á Muller (CIM) estase a detectar que está despuntando a violencia no ámbito xuvenil. De feito, o pasado 25 de novembro a campaña do CIM estivo centrada nos centros de ensino seguindo a trioloxía Crepúsculo, dando a alarma polos referentes que ten a xente nova.
Puntualizou que a detección da violencia de xénero en xeracións novas é díficil e cando se detecta xa é moi difícil rachar coas situacións, polo
que “temos que traballar pola detección do problema”. O Observatorio da Igualdade do Ministerio acaba de facer público un estudo de violencia en adolescentes que reflexa unha situación moi preocupante: o 28% das mozas non considera conducta de risco contestar ou recibir mensaxes da parella con insultos; o 29% das mozas entre 13 e 19 anos teñen un control exhaustivo sobre a súa vida por parte da parella; o
10,5% dos adolescentes recoñecen violencia de xénero expresa.
A pesares de que existe a idea de que as redes sociais contribúen a fomentar estas situacións, en realidade as redes só son unha canle para
transmitir a mensaxe. O 73% das mozas soen escoitar no ámbito familiar “os ciumes son expresión de amor”.
Ao respecto do profesorado, a porcentaxe que non traballou ningún tema sobre a violencia na parella no último curso foron 41% mulleres e o
35% homes. Destes, o 23% contestaron que non era a súa función, e o 66% dixeron que non era contido da súa asignatura. Ante esta situación, a Concellaría realizará unha campaña centrada nos centros de ensino a través dunha obra de teatro do grupo Chevere, unha representación con sarcasmo, crítica e en primeira persoa das mensaxes que subxacen nas cancións. Neste caso será no tema de Police I´ll be watching you.
Será o día 25 ás 12.00 horas no Pazo da Cultura para alumnado de 3º e 4º da Eso. E logo traballarase nas aulas con obradoiros específicos.
Ademais, a Concellaría fará un acto público o propio día 25 de novembro ás 18.30 horas na praza chamada 8 de marzo. Será un espectáculo que recreará, a través da música, o ciclo da violencia. Haberá proxeccións con mensaxes que nos porán en alerta. Tamén se lerá un manifesto.











