Motor Classic é a nova aposta do recinto feiral estradense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCalendario
A-
A+

Como peche ao calendario feiral 2013, o recinto feiral estradense, celebrará os próximos días 14 e 15 de decembro un certame de carácter dobre. Á consolidada Feira de Antigüidades e Artesanía, con corenta e dúas edicións ás súas costas, úneselle como novidade e reforzo, o I Salón Motor Classic.

O certame contará con máis de 5.600 m2 de espazo expositivo, distribuído en catro pavillóns cubertos.

Motor Classic 2013, contará cunha zona expositiva de clásicos e tamén cun mercado de recambios, pezas, accesorios e complementos, vinculados co mundo dos clásicos: Automóbiles e motocicletas.

Motor Classic, celébrase conxunta e simultáneamente coa 42ª Feira de Antigüidades e Artesanía, en horario ininterrompido de dez a vinte horas e conta, como noutras ocasións, con entrada gratuíta para todos os visitantes.

A zona expositiva de clásicos, conta con verdadeiras pezas dignas do mellor coleccionista, vehículos de incalculable valor e en casos, pezas únicas de colección, motocicletas e automóbiles, que máis que clásicos, xa se lles pode atribuír o adxectivo de históricos.

O recinto feiral estradense, quixo contar en todo momento coa colaboración da Asociación de Vehículos Clásicos da Estrada, os cales secundan igualmente a mostra, xunto con outros colectivos tales como: Automóbil Club de Galicia, Talleres Japauto, Club Clásicos de Rois, Equipo de Clásicos ou Toxo, Talleres Barrio, Veacar S.L., Asociación Clásicos de Valga, AGAMAC, etc…

Dentro do propio recinto feiral, situarase unha zona de aparcadoiro especial para todos aqueles visitantes que acudan a visitar a mostra nos seus vehículos clásicos.

O amante do motor e as antigüidades, ten unha cita puntual con este mundo, os próximos días 14 e 15 de decembro.

15 de novembro de 2013 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.