Monforte terá cita contra a violencia de xénero na rúa Cardeal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O luns 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, celebrarase o acto central de tódalas actividades conmemorativas que dende a concellería de Igualdade se veñen desenvolvendo nas derradeiras semanas.

Este acto terá lugar ás 12:00 horas na Rúa Cardeal e no mesmo procederase á lectura dun manifesto e ó reparto de lazos brancos, simbolizando o rexeitamento á violencia de xénero.

A esta cita, aberta á participación de toda a cidadanía, tamén asistirán o profesorado e o alumnado de 5º de primaria dos colexios de Monforte. Acudirán cos “Paraugas da Igualdade” que elaboraron no obradoiro que se levou a cabo ó largo do primeiro trimestre do curso escolar e realizarán a lectura de textos contra a violencia de xénero.  

A concellería de Igualdade convida a toda a cidadanía monfortina a que participe neste acto como mostra de repulsa á violencia machista e de solidariedade coas vítimas.

Posteriormente, ás 13:00 horas, terá lugar na Sala de Reunións do Centro de Saúde de Monforte, unha nova sesión do Encontro de profesionais do ámbito de intervención  na violencia de xénero.

Tendo presente que a administración local, como instancia mais próxima á cidadanía, configúrase como espazo privilexiado para a intervención con mulleres vítimas de violencia, a concellería de Igualdade do concello de Monforte, a través do Centro de Información a Muller, constituíu no ano 2009 unha Mesa de Coordinación para  a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero, coa finalidade de garantir, fomentar e implementar accións e fórmulas preventivas xunto a unha atención de calidade para as vítimas.

A Mesa de Traballo está composta por profesionais de toda a comarca de Lemos que pertencen ás distintas áreas de intervención, estamos a falar dos ámbitos social, educativo, sanitario, corpos e forzas de seguridade do Estado, administración de xustiza e colexio de avogados de Lugo.

Tódalas reunións da Mesa de Traballo inícianse cunha sesión de formación en materia de violencia de xénero, nesta ocasión e segundo a demanda realizada  polo persoal que conforma a Mesa, tratarase o tema do comportamento, desde o punto de vista psiquiátrico, de agresor e vítima en situacións de violencia de xénero.

A formación desenvolverase baixo o título “¿Amor e Control? He ahí la cuestión!” e correrá a cargo do Dr. José Luís Fernández Sastre, psiquiatra, xefe da sección de psiquiatría de interconsultas e enlace do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Ó remate da formación, as persoas representantes de cada ámbito que conforman a Mesa continuarán traballando os puntos marcados na orde do día, coa finalidade última de mellorar a atención integral que precisa a problemática da violencia de xénero.

24 de novembro de 2013 | 10:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.