publicidade hoxe

Moaña acollerá o primeiro Campionato galego de Freestyle de Taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMoaña
A-
A+

Moaña acollerá este sábado 9 de novembro (de 12 a 14 horas, Pavillón Municipal de Reibón) o primeiro Campionato Galego de Freestyle, unha modalidade que comeza a dar os seus primeiros pasos.

O Freestyle é unha nova especialidade introducida pola Federación Mundial na pasada tempada. A principal innovación do Freestyle é que combina técnica con acrobacias e música, polo que resulta moito máis espectacular cara ao público. No mes de abril deste ano celebrouse o primeiro campionato de España e no mesmo Galicia xa logrou dúas medallas. Gabriel Tembrás (Mo Duk Kwan) foi ouro na categoría cadete, mentres que Borja Ríos (Hebe) logrou a medalla de bronce en sénior. Posteriormente, Tembrás participou no Europeo, onde logrou novamente o ouro. Ademais, Gabriel Moral (Olimpic) acadou hai só uns días a medalla de prata no Campionato do Mundo de Artes Marciais celebrado en Italia. Todos eles participarán o sábado no Galego, polo que o bo nivel deportivo está asegurado.

No Galego, primeiro que se celebra desta especialidade, participarán preto de sesenta deportistas das categorías infantil, cadete e adultos (masculino e feminino) e parellas mixtas e quinteto.

Hai que destacar que a categoría infantil non existe a nivel nacional en Freestyle, pero a Galega prefire comezar a traballar dende máis abaixo, a pesar de que os deportistas non poderán participar no Campionato de España. Hai que destacar que os campións galegos (menos da categoría infantil) lograrán a clasificación para o torneo estatal. O Galego é organizado polo club Hebe de Moaña en colaboración co Concello de Moaña.

7 de novembro de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.