publicidade hoxe

Miño integrarase no Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol e A Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaMiño
A-
A+

A directora xeral de Mobilidade, Camino Triguero, presidiu a reunión da Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol, na que estiveron presentes representantes dos distintos concellos da área ferrolá e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Esta Comisión de Seguimento da Área de Transporte Metropolitano de Ferrol reúnese periodicamente co obxecto de dar conta da evolución do novo Plan de Transporte Metropolitano da área.

O Novo Plan de transporte metropolitano foi implantado en Ferrol no mes de marzo de 2011, integrando inicialmente a 10 concellos: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Valdoviño e Cedeira. Dende o punto de vista xeográfico, o novo plan de transporte metropolitano é un plan dinámico, en constante evolución, que tende a expandirse. Deste xeito, na comisión de seguimento, deuse conta e aprobouse a solicitude de integración do concello de Miño.

Por primeira vez, no eido do Plan de transporte metropolitano, estase a tramitar a integración dun concello en dúas áreas, neste caso, nas de Ferrol e da Coruña. Unha vez aprobada a integración de Miño por parte dos concellos integrantes das dúas áreas afectadas, procederase por parte da Xunta de Galicia a tramitar o acordo de integración e a concluír as actuacións técnicas necesarias para que o Plan sexa efectivo neste novo concello a comezos de 2014, favorecendo deste xeito a unha poboación de preto de 175.000 habitantes só na área de Ferrol.

Evolución de usuarios

Na área de Ferrol, o título de transporte por excelencia nos desprazamentos é a tarxeta metropolitana (TMG), á que van vinculada importantes descontos tarifarios e que é empregada nun 77% dos desprazamentos, o que da boa conta do efecto positivo que a implantación do plan tivo no uso do transporte público.

Nesta reunión de traballo tamén se deu conta de certos obxectivos comprometidos e acadados que contribúen a aumentar a eficiencia e calidade no funcionamento do plan. Destaca neste eido a actualización da páxina web do transporte metropolitano na que se pode consultar actualmente toda a información relativa ao plan por cada unha das áreas implantadas (funcionamento do plan, tarifas, horarios) e mesmo formular queixas ou suxestións a través do enlace habilitado a tales efectos (www.transportemetropolitano.xunta.es).

A Dirección Xeral de Mobilidade tamén informou da evolución seguida polo programa tarifario social aplicable no eido do novo Plan. O devandito programa permite aplicar descontos adicionais a determinados colectivos sinalados polos concellos e sería xestionado a través da aplicación informática que por parte da Xunta de Galicia se desenvolveu a estes efectos.

8 de novembro de 2013 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.