Membros da APA do Infanta Helena reuníronse co rexedor de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O alcalde de Monforte reuniuse esta mañá con integrantes da APA do Colexio de Educación Especial Infanta Helena.

Severino Rodríguez confirmoulles, unha vez máis, que o Concello está en disposición de achegar terreos para que a Xunta de Galicia construa un centro de continuidade en Monforte, ou ben de proporcionar un edificio que a Xunta debería acondicionar para tal fin.

Os membros da APA deste centro de educación especial teñen mantido diversas reunións co alcalde de Monforte nos últimos anos. A petición deles, Severino Rodríguez convocou o ano pasado unha xuntanza dos alcaldes daqueles concellos que teñen entre os seus habitantes persoas que son atendidas no Infanta Helena. Nesta reunión os membros da ANPA explicáronlles ós rexedores a situación e a problemática que se orixina cando os seus fillos/as cumpren 21 anos.

Este centro acolle nas súas instalacións a menores con discapacidade de etioloxía variada, non só da comarca de Monforte, senón tamén de comarcas da bisbarra como Sarria, Chantada, Quiroga ou Valdeorras. O problema xurde cando os rapaces e rapazas cumpren 21 anos, idade máxima de acollida neste colexio.

Integrantes da APA teñen mantido varias reunións con representantes da Xunta de Galicia coa intención de lograr un centro de continuidade para os seus fillos/as, unha loita na que continúan desde hai anos.

11 de novembro de 2013 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.