Mellora do pavimento do Camiño de Patiña na parroquia ferrolá da Cabana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe a parroquia de A Cabana para supervisar xunto cos representantes veciñais da zona as actuacións acometidas estes días polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello de Ferrol. Estas intervencións forman parte da segunda fase do Plan de Barrios, programa posto en marcha polo Goberno Municipal que permite intensificar de maneira coordinada a actividade dos diferentes servizos municipais para responden ás peticións veciñais de cada un dos barrios da cidade. O primeiro edil acudiu a este encontro de traballo cos representantes da Asociación de Veciños de A Cabana acompañado polos concelleiros de Servizos e Medio Ambiente e Zona Rural, Borja Carro Muñoz e José Polo Veiga, respectivamente.

Ademais de repasar as tarefas de mellora e conservación feitas en A Cabana durante estes días ao abeiro do Plan de Barrios, Rey Varela asumiu o compromiso de mellorar o pavimento do Camiño de Patiña. Esta actuación demandada pola veciñanza, foi recollida durante a xuntanza polo rexedor municipal e será acometida o vindeiro ano. Así mesmo, o alcalde ferrolán lembrou que o servizo de roce e limpeza de cunetas garante dúas pasadas ao ano na zona rural e que contempla o roce de noiros, limpeza de marxes e cunetas de camiños, roce e limpeza de terreo e poda e recollida.

No que atinxe aos traballos dos servizos municipais e empresas que traballan para a Administración ferrolá en A Cabana durante estes días, o primeiro edil da cidade apuntou que a valoración dos mesmos ascende a máis de 18.200 euros. Entre as máis destacadas, están:

– Roce e chapeo en toda a parroquia, con especial atención á zona do local social, paseo, estación de bombeo, e capela de San Antonio.

– Lavado e baldeo manual da pista polideportiva do local social e beirarrúas da zona.

– Roce, limpeza, lavado e baldeo especial nos lavadoiros e fontes da capela de San Antonio, O Pilar, Barca de Arriba, Barca de Abaixo e A Barranqueira.

– Limpeza e substitución de contedores e papeleiras, así como a instalación de novas papeleiras no paseo.

– Un total de 51,7 metros lineais de pintado e sinalización de viarios e trazado de 7 stops e un ceda ao paso. Ademais da renovación de 3 sinais verticais e un espello.

– Substitución de cable de alumeado degradado e un difusor.

– Mantemento preventivo e control de calidade do servizo de abastecemento de auga. Ademais da inspección de bocas de rego, tapas, pozos de rexistro e sumidoiros en: O Pilar, Os Landroves, rúa Pintor Ricardo Pena e estrada A Cabana; así como a limpeza dos mesmos.

– Mantemento de zonas verdes na zona do parque, Asociación de Veciños A Cabana e zona da igrexa. Ademais da instalación dunha mesa-merendeiro.

– Revisión do funcionamento e estados dos xogos no Parque Infantil A Cabana, así como a limpeza da zona e a reparación dun balancín con resorte.

19 de novembro de 2013 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.