Medio cento de veciños de Ortigueira convértense en imaxe da campaña municipal contra a violencia de xénero

Campaña cos veciños como protagonistas
O Concello sumouse á celebración do 25 de Novembro, Día Internacional de loita contra a violencia machista, cunha “quedada fotográfica” destinada a actualizar e poñer cara á campaña Somos máis contra a violencia de xénero” coa que o CIM de Ortigueira quere concienciar á cidadanía da necesidade de rexeitar con claridade este tipo de violencia. O alcalde Rafael Girón e outro medio centenar de veciños/ás quixeron participar na proposta e prestarán a súa imaxe á campaña publicitaria.
Estudantes do IES de Ortigueira, veciños de distintas parroquias, responsables de entidades, traballadores municipais, o propio rexedor municipal Rafael Girón achegáronse esta mañá ao centro social da Vila para deixarse tomar a foto que servirá de base para renovar o crebacabezas de caras que conforma o cartel publicitario de Somos máis”.
A idea da iniciativa, impulsada polo CIM, era facer realidade o lema da campaña, fomentando a implicación e a participación veciñal nesta iniciativa orientada a mostrar a repulsa social ante a eiva social que constitúe a violencia de xénero.
As actividades especiais programadas polo Centro de Información á Muller dependente da Concellaría de Benestar Social, con motivo do 25 de novembro, completaranse o próximo xoves, a partir das 16:30 horas no Antigo Hospital, cun taller centrado na prevención da violencia de xénero organizado en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns.











