Medio cento de persoas aprenden idiomas nos cursos do Concello de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Todas as opcións ofertadas teñen unha marcada compoñente laboral, xa que se trata de linguas indispensables para mellorar a empregabilidade tanto dentro como fóra de Galicia. Quizais sexa esta a razón pola que un total de 33 persoas se decantasen polo inglés, o idioma que más portas abre e quizais o máis útil ademais do propio. En San Sadurniño impártense dous cursos: un preparatorio para a proba libre do nivel B1 da Escola Oficial de Idiomas -indispensable para a obteción do título de Grao- e outro centrado na conversa. Este último está pensado para aumentar a fluidez e a expresión oral en situacións prácticas, como pode ser unha entrevista de traballo ou unha viaxe. Ademais, nos obradoiros de conversa que teñen lugar na aula de formación municipal e no local social de Igrexafeita tamén se traballa con simulacións orientadas á hostalaría ou o sector naval en resposta ás necesidades expresadas polo alumnado.

O perfil maioritario é o de profesionais novos de ambos sexos con sobrada preparación no seu pero que precisan máis competencia lingüística na lingua que, case todos, aprenderon no ensino básico e no bacharelato. Cousa distinta é o alemán, un idioma moi puxante por mor das oportunidades laborais que xurdiron no centro de Europa nos últimos anos. 11 persoas asumiron o reto de aprender os rudimentos desta lingua que nunca foi optativa ensino público, que non se oe habitualmente nos medios e que ten unha estrutura diferente da das linguas derivadas do latín, algo que dificulta a súa aprendizaxe. Este curso comezará a semana que vén e desenvolverase os martes e os xoves no CPI en horario de 20 a 22 horas, impartido por profesorado da academia naronesa EDINAN.

A oferta de formación lingüística do Concello complétase cos cursos preparatorios para a obtención do CELGA 3 e do CELGA 4, que acreditan os dous máximos niveis de competencia en lingua galega e que son indispensables para obter puntuación en procesos selectivos públicos ou para acceder á formación so servizo público de emprego. Neste caso hai inscritas 10 persoas.

Máis cursos

O Concello sinala que existe a posibilidade de formar grupos de aprendizaxe para máis idiomas sempre que haxa, polo menos, seis persoas interesadas por lingua. Estes cursos desenvolveríanse na aula municipal de formación da antiga casa do conserxe ou ben nas parroquias se a solicitude a formulan as entidades veciñais ou se a maior parte do alumnado é dun lugar concreto. Cómpre ter en conta que, ademais da formación na aula, a aprendizaxe tamén comprende actividades lúdicas, saídas e mesmo a posibilidade de viaxes para practicar entre falantes nativos.

Un dos cursos que podería comezar en breve é o de chinés, para o que xa houbo xente que mostrou interese dado que se trata da lingua máis falada no mundo e que cada vez se establecen máis relacións comerciais co xigante asiático.

5 de novembro de 2013 | 10:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.