Medio cento de cativos da gardería municipal de Brión celebran o magosto
Medio centenar de cativos e cativas da gardería municipal de Brión, de idades comprendidas entre os 2 e os 3 anos, celebraron esta mañá o seu tradicional magosto. Os pequenos, organizados por aulas, saíron primeiro a un dos patios exteriores da gardería para ver como se asaban as castañas. Acto seguido, os meniños trasladáronse ata o patio interior, caracterizados con cadanseu sombreiro ou diadema de papel con forma de castaña. Unha vez xuntos, degustaron as castañas, que lles pelaron con paciencia os seus mestres, e mesmo levaron algún cucurucho para as súas casas.
Magosto e chocolatada
Este magosto da gardería municipal de Brión é a antesala do magosto e chocolatada que cada ano organiza o Concello de Brión e que este ano terá lugar o venres 29 de novembro. A partir das 19:00 horas, a carballeira de Santa Minia acollerá un magosto no que tanto as castañas como o chocolate con churros serán totalmente de balde para todos os asistentes, que poderán disfrutar coa actuación dun grupo de música tradicional.
A maiores, na zona haberá instalada unha polbeira, cuxas consumicións correrán a cargo de cada cliente. Este magosto popular está organizado polo Concello de Brión e conta coa colaboración da asociación de mulleres Xuntanza.











