Marvo de Alberto Viejo proclámase campión galego de Platu 25 no Gran Premio El Corte Inglés

Foto de familia cos gañadores
O Marvo, de Alberto Viejo, proclamouse campión galego de Platu 25 de 2013, ao vencer na Primeira Fase do Gran Premio El Corte Inglés, do X Circuito Cidade de Vigo.
O veleiro, que navega baixo a grímpola do Real Club Náutico de Vigo, organizador da cita deportiva, foi patroneado polo vigués con destreza nesta primeira serie, un primeiro encontro moi disputado debido ao apertado dos resultados finais, un clasificación que se mantivo intacta dende o sábado, debido á falta de mangas na xornada dominical, con ausencia total de vento na Ría de Vigo.
Cumpriuse a previsión meteorolóxica e, a pesar dos esforzos do Comité por intentar montar un campo de regatas, a compoñente non foi o suficiente intensa para disputar proba ningunha. Escasa forza no vento, case nula, con roles constantes que provocaban os chuvascos que entraban dende o sueste.
Con esta premisa, entorno ás dúas da tarde, o Oficial Principal ordenaba o regreso da frota ás instalacións do Real Club Náutico de Vigo, celebrándose a entrega de premios ás tres e media. Asistía a súa presidenta, Viviana García, acompañada dos Secretarios Nacional e Rexional de Platu 25, Carlos Paz e Jaime Barreiro, respectivamente, e da Directora da Escola de Vela do náutico vigués, Hilda Martín, unha cerimonia presentada por Manuel Rodríguez, responsable técnico no mar do Gran Premio El Corte Inglés.
Segundos clasificados foron os representantes do Real Club Náutico Portosín, José Manuel Pérez e Alfredo Mella, armadores do Rede Bull Racing Eyewear.
O bronce recaeu nos irmáns Paz, Carlos e Antón, do Liceo Casino de Vilagarcía, que navegan a bordo do Mar de Frades.
O veleiro máis destacado do Grupo B, onde compiten regatistas afeccionados, foi o Petrilla, de Jaime Barreiro, do Real Club Náutico de Sanxenxo.
A Segunda Fase do Gran Premio El Corte Inglés de Platu 25 volverá a escena en decembro, durante os días 14 e 15. Colaboran Concello de Vigo, Autoridade Portuaria do Porto de Vigo, Xunta de Galica, Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Vela.











