Malasombra representa na casa da Cultura de San Sadurniño a exitosa “Misión Sapiens”
O Concello ten preparado para esta fin de semana un completo programa de lecer con dúas representacións teatrais e unha nova edición do programa Tempos para compartir, que terá lugar en Santa Mariña na tarde do sábado. De toda a oferta, a obra Misión Sapiens é a que espertou maior interese habida conta de que eo seu elenco está formado -entre outros- polos televisivos Luis Iglesia e Xabier Deive. Esta comedia representarase na casa da Cultura o domingo ás 19.30h., mentres que a outra obra programada, A historia de Brancaflor, terá lugar en Ferreira o sábado ás 17.00h.
Misión Sapiens é unha montaxe da compañía Malasombra e está dirixida por Marcos Orsi, quen comparte cartel como actor con Jouse García, Xoque Carbajal, Xabier Deive e Luis Iglesia. A sinopse que aparece no folleto da obra descríbea como un espectáculo de autoaxuda que en menos de dúas horas nos transformará en persoas cultas, educadas e capaces de manter unha conversa sobre calquera asunto sen que parezamos ignorantes. A maneira de lograr este obxectivo será unha clase acelerada de como mentir e, en resume, de como pasar polo que en realidade non somos.
A obra é unha comedia para maiores de 16 anos escrita polo premiado José Luis Prieto. Comezará ás 19.30h. na casa da Cultura cun prezo único por entrada de 5 euros. Poderán reservarse localidades no 616 332 919 e haberá que retiralas como moi tarde media hora antes da función. De non facelo pasarán á venda normal por taquilla ata que se cubra o aforo.
A historia de Brancaflor
Un día antes, o sábado, haberá ocasión de ver a obra infantil que está percorrendo os locais sociais das parroquias dentro do programa de descentralización da cultura emprendido polo Concello. Fran Rei levará a Ferreira a maxia e os contos d´A historia de Brancaflor.
Os Sete Magníficos máis Un propoñen un espectáculo de animación á lectura dun xeito distinto, a partir de sinxelos xogos de maxia, o clown, a participación do público e a marabillosa tradición narrativa galega. Dirixido polo recoñecido actor, director e dramaturgo Avelino González, o protagonista tentará resolver a través de rutinas máxicas e a cooperación todos os impedimentos que se lle presenten durante a trama da historia que vai contar. A historia de Brancaflor está programada para as 17.00h. no local social da Seara.
Tempos para compartir en Santa Mariña
Tamén o sábado volve Tempos para compartir. Desta vez a veciña de Ferreira Cruz Piñón mostrará no local social de Santa Mariña do Monte como elaborar marmelo de mazá e froita con xarope. As 25 prazas ofertadas para o obradoiro están cubertas desde o luns.
Este non será o último Tempos… do mes, xa que o sábado 30 de novembro Vicente García ensinará en Ferreira a técnica para facer sidra caseira. O obradoiro impartirase no local social ás 17.00h. e hai 25 prazas dispoñibles. As inscricións poderán facerse ata o 22 de novembro chamando ao Concello, onde tamén nos tomarán nota por se queremos ser nós quen comparta coñecementos nunha destas xuntanzas.











