Máis de 37.000 persoas visitaron os Museos Científicos Coruñeses durante a Semana da Ciencia
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que os Museos Científicos Coruñeses recibiron un total de 37.561 visitas con motivo da celebración da Semana da Ciencia.
As xornadas de portas abertas, celebradas dende o pasado luns 11 ata o domingo 17 de novembro, tiveron unha grande acollida entre o público dos tres museos científicos. O Aquarium Finisterrae foi o que tivo maior afluencia, con 22.214 visitantes, seguido da Domus, con 8.397, e a Casa das Ciencias con 6.950.
Foi unha ocasión para que todas estas persoas puidesen coñecer as súas máis recentes novidades, visitar as súas exposicións e participar nas numerosas experiencias interactivas que propoñen estes centros de ciencia coruñeses.











