Máis de 1.300 menores de dez centros educativos ferroláns participan no obradoiro “Mulleres na sociedade, nenas na escola”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Igualdade e Xuventude, Verónica Casal Míguez, visitaron esta mañá no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) San Xoán de Filgueira o obradoiro “Mulleres na sociedade, nenas na escola”. Máis de 1.300 nenos e nenas, pertencentes a dez centros escolares da cidade, participan nesta acción formativa enmarcada no eido da promoción e difusión do principio de igualdade de oportunidades. No caso do CEIP San Xoán de Filgueira, máis dun centenar de estudantes de idades entre os 6 e os 12 anos.

“Mulleres na sociedade, nenas na escola” desenvolveuse durante os meses de outubro e novembro en dez centros de ensino públicos e concertados que se adheriron a este anovador programa posto en marcha polo Goberno Municipal de Ferrol. Así, os centros que participaron foron: CEIP Laxe-Valón (42 alumnos/as); CEIP Esteiro (150 alumnos/as); CEIP Recimil (266 alumnos/as); CEIP Isaac Peral (150 alumnos/as); CEIP Manuel Masdías (102 alumnos/as); CEIP Pazos (49 alumnos/as); CEIP Ponzos (150 alumnos/as); CEIP Cruceiro de Canido (150 alumnos/as); Colexio Juan de Lángara (151 alumnos/as) e CEIP San Xoán de Filgueira (118 alumnos/as).

O obxectivo perseguido pola concelleira de Igualdade, Verónica Casal, coa organización desta iniciativa era que os estudantes de Infantil e Primaria “traballarán nas aulas contidos de coeducación e igualdade de xénero, así como informar sobre a discriminación de xénero ao longo do tempo, fomentar unha actitude crítica fronte a influenzas sexistas, mostrar a realidade social da muller e do home actual”. Con “Mulleres na sociedade, nenas na escola” “pretendemos fomentar unha responsabilidade compartida nas distintas áreas”, concluíu a edil ferrolá. Para conseguilo os contidos do programa adaptáronse á idade dos rapaces, de maneira que, en función do curso, o alumnado traballou aspectos como os roles e estereotipos de xénero, a corresponsabilidade nas tarefas do fogar e a evolución dos dereitos da muller; conceptos básicos como sexo – xénero, roles e estereotipos de xénero, corresponsabilidade nas tarefas do fogar, a igualdade e o desequilibrio nas relacións persoais ou a evolución dos dereitos da muller.

14 de novembro de 2013 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.