Lalín conciencia co concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” e de tuits contra a violencia de xénero
As actividades desenvolveranse do 19 ao 25 de novembro teñen por finalidade incrementar a concienciación da sociedade ante esta lacra social.
A Oficina de Igualdade do Concello de Lalín desenvolverá con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a “XI Semana da non violencia”, que inclúe un programa de actividades de información e sensibilización que teñen por finalidade incrementar a concienciación da sociedade ante esta lacra social, informa a concelleira de Igualdade e Benestar, Mª Paz Pérez Asorey.
O programa de actividades que se desenvolverá do 19 ao 25 de novembro son as seguintes:
. X Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” 2013. Presentáronse un total de 173 cartas. O fallo do concurso terá lugar o 19 de novembro ás 17.30 horas.
. II Concurso de Tuits contra a violencia de xénero 2013. O número de tuits que optan aos premios son 104. O fallo do certame terá lugar o 19 de novembro ás 18.30 horas.
. II Concurso ViolArte (Arte acción para previr a violencia de xénero 2013). Sábado 23 de novembro no Centro Comercial Pontiñas Gadis, a partir das 18.00 horas.
ViolArte é unha mirada á violencia de xénero desde diferentes manifestacións artísticas. Son actuacións libres e coordinadas que xorden do desexo de sumar esforzos para transformar e mellorar a sociedade.
O obxectivo a través da creación artístico-cultural é visibilizar a realidade da violencia de xénero e sensibilizar a toda a poboación a través da súa participación.
ACTIVIDADES DE VIOLARTE
. Obradoiros, paneis artísticos, exposición de carteis contra a violencia de xénero, teatro, contacontos, perfomance, baile, música, dirixido a persoas de todas as idades, sexos, etnias, crenzas, clases, que libremente desexen facer as achegas contra a violencia de xénero, participar nalgún grupo, ou simplemente ver o que outras persoas fan.
– Panel artístico contra a violencia de xénero, no que participarán diferentes artistas locais.
– Exposición de carteis contra a violencia de xénero.
– Minipeza teatral, a cargo do grupo de teatro “Jake” do Sagrado Corazón dirixido por Raquel Chavarrías.
– Obradoiro “Sabes o que é. Etiqueta a violencia!!!
– Obradoiro “Lemos pola igualdade” da man de Gracia Santorum.
– “Contacontos pola igualdade” a cargo de Celsiño Fernández.
– Lectura das cartas finalistas e entrega dos premios do X Concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” e II Concurso de tuits contra a violencia de xénero.
– Móvete contra a violencia co apoio dos grupos de baile de Asociación “Máisquedanza” liderada por Sonia Míguez e “Sceneballet” baixo a dirección de Graciela Míguez.
– Música contra a violencia de xénero
. Campaña de sensibilización contra a violencia de xénero en eventos deportivos (fin de semana 23 e 24 de novembro). Visualización da repulsa contra esta lacra social a través de pancartas que se colocarán en diferentes eventos deportivos como na carreira solidaria, nos partidos de fútbol e outras actividades deportivas que se leven a cabo neses días.
. Concentración popular de repulsa contra a violencia de xénero (luns 25 de novembro no vestíbulo do Concello ás 10.00 horas).
A “Semana da non Violencia” vénse realizando no Concello de Lalín, a través da Oficina de Igualdade. Neste undécimo aniversario preténdese organizar un festival de creatividade en contra desta lacra social.
A intención deste conxunto de actividades é chegar ao maior número de persoas coa mensaxe de que a violencia é unha lacra social, involucrándoas mediante seminarios formativos, a través da súa actividade artística, convidándoas a reflexionar con cartas ou tuits, mediante a participación nunha obra teatral, a creación dunha canción, dunha perfomance de danza ou simplemente mediante a súa presenza nas diferentes accións. Trátase de sumar esforzos empregando os recursos locais e implicando a un nutrido grupo de persoas e colectivos.
EXPOSICIÓN “CARTAS DE AMOR”
Tamén en conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero o Centro de Información á Muller (CIM) levará a cabo a exposición da Secretaría Xeral de Igualdade “Cartas de amor”, unha mostra do cómic sobre a violencia de xénero con 13 láminas de artistas de sona como Miguel Calatayud, Fausto Isorna, Patricia Castelao, etc.
A mostra pretende sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse. Con esta exposición a Secretaría Xeral pretende establecer una paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que ás veces vai asociada a ela.
A exposición “Carta de amor” inaugurarase o xoves 21 de novembro ás 19.00 horas da tarde no Auditorio e poderá visitarse ata o 29 de novembro.











