Kepa Junkera presentará o seu novo disco no CENTRAD da Deputación de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugo
A-
A+

O músico Kepa Junkera presentará o mércores, 27 de novembro, no Centro de Artesanía e Deseño da Deputación o seu novo disco Galiza. O músico emprega neste álbum instrumentos tradicionais galegos case esquecidos como a trompa de boca, precisamente o organismo provincial desenvolveu varias iniciativas para a recuperación e posta en valor deste aparello musical que se conservou, case de xeito exclusivo, na zona da Montaña Lucense.

O acto, que comezará ás 20:00 horas no pavillón central do CENTRAD, é gratuíto e aberto ó público. O artista falará da inspiración que o levou a empregar os instrumentos tradicionais galegos e estará acompañado por Daniel e Emilio Os Pando, dous intérpretes de trompa que colaboraron na gravación do disco. Tras unha breve presentación aberta á participación dos asistentes, interpretarán varias pezas incluída no seu último álbum.

O Centro de Artesanía e Deseño recupera o patrimonio artesán da provincia, entre o que destaca os instrumentos musicais tradicionais, algúns deles case esquecidos como a trompa galega que aparece no álbum de Kepa Junquera. No mes de setembro, a Deputación organizou unhas xornadas de recuperación e posta en valor deste instrumento na Fonsagrada con obradoiros de construción e interpretación da trompa. Na iniciativa para a posta en valor desta técnica profesional, participaron activamente Os Pandos, que colaboran co artista vasco neste álbum.

Homenaxe a Galicia

Kepa Junquera escolleu para o seu último disco instrumentos tradicionais galegos como a gaita, o acordeón galego, pandeiros e pandeiretas, considerando que encaixan á perfección co acordeón diatónico tradicional vasco. Máis de 200 artistas galegos de recoñecido prestixio participaron na gravación, como Cristina Pato, Luar na Lubre, Leilía, ou Treixadura, entre outros.

25 de novembro de 2013 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.