Kalandraka en Culturgal
A presentación do libro-disco PAN DE MILLO para público infantil e a presentación do libro-cd-dvd CORASONS para público adulto van centrar a participación de KALANDRAKA nesta edición de Culturgal, dende o venres 29 ata o domingo 1 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Ademais, o stand de KALANDRAKA (L-13) recibirá a varios autores e ilustradores que asinarán exemplares dos seus libros.
Migallas Teatro estará no stand o sábado 30 ás 12:00 horas para atender os lectores de PAN DE MILLO e as 12:45 horas, no Espazo Libros, María Campos e Carlos Yus protagonizarán un espectáculo baseado na explicación do proceso de elaboración tradicional do pan de millo, e no que van interpretar cancións deste recente traballo co que están recorrendo as principais cidades galegas. Esta actuación, dirixida ás familias, caracterízase pola interacción co público e polo ambiente participativo e lúdico. Migallas volverá ao stand de KALANDRAKA o domingo ás 13:00 horas.
Por outra parte, a cantante Uxía Senlle e o colectivo coraSons van presentar, a partir das 13:00 horas, no Espazo Libros, un adianto do novo libro-cd-dvd CORASONS, que chegará á librarías de toda a Península en decembro. Trátase dun proxecto colectivo no que participan unha trintena de intérpretes galego-lusófonos: a artista portuguesa Isabel Leal achega unha serie de fotografías baseadas no concepto do corazón, o que deu pé a crear un espectáculo musical ao que se sumaron músicos e vocalistas como Isaac Palacín, Sergio Tannus, Magín Blanco, Xoán Curiel, Najla Shami ou o actor Carlos Blanco, entre outros. A iniciativa completouse cun documental gravado por Paco Abelleira. Representantes do colectivo coraSons explicarán a orixe e a mensaxe deste traballo e, a partir das 20:00 horas, ofrecerán un concerto no Espazo Carpa de Culturgal. Asinarán exemplares de CORASONS o sábado ás 13:30 e ás 20:30, e o domingo día 1 ás 11:30 e ás 19:00 horas.
Ademais, o stand de KALANDRAKA recibirá a Olalla González e Marc Taeger, adaptadora e ilustrador do álbum GARAVANCIÑO, que asinarán libros o sábado ás 18:00 horas. A axenda complétase o domingo ás 12:00 coa visita dos integrantes de Tanxarina Títeres, creadores do libro baseado no espectáculo TITIRICIRCUS; e con Pilar Martínez, o domingo ás 18:00 horas, que asinará o conto tradicional A GALIÑA ROXA.











