Iníciase a instalación dos novos farois no adarve da Muralla romana de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou que xa funcionan os primeros farois no adarve da Muralla, despois de que días atrás se realizaran as últimas probas para seleccionar o modelo de luz a empregar.

Así, quedaron instalados e funcionando os 10 puntos de luz que se empregaron para realizar a selección final do modelo a empregar. Actualmente a empresa adxudicataria está a elaborar as outras 390 luminarias que fan falla para completar a instalación (340 no adarve e 60 nas escaleiras).

Segundo apuntou a delegada, en decembro procederase a instalar todo o sistema de iluminación, fabricado en aceiro cortén e no que se invisten por parte do Executivo galego preto de 180.000 euros.

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural -xa investira case 600.000 euros en toda a instalación da iluminación da Muralla de Lugo no ano 2000. A renovación do sistema de luminarias realízase despois de que boa parte das anteriores, que eran de bronce, foran roubadas en diversas ocasións.

Paralelamente, a Consellería deu comezo aos traballos de consolidación estrutural e restauración no cubo XIII da Muralla, correspondente á Porta do Bispo Odoario, obras ás que se destinan máis de 37.000 euros.

13 de novembro de 2013 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.